23 de dezembro de 2008

Proxecto semanal agasallado

Na nosa casa xogar ós agasallos é unha das nosas brincadeiras preferidas, mesmo temos unha caixa chea de papel de agasallo, de laciños,... nela imos metendo os papeis e os enfeites dos agasallos que nos fan.
É outro xeito de reciclar :)

O xogo consiste en envolver obxectos, vale calquera cousa: un debuxo, unha tapadeira, un pano, un xoguete,... despois dáselle ó destinatario: "é pra tú" (o tú é en castelán o resto en galego, isto debe ser o que chaman "bilingüismo harmónico") e o agasallado abre o paquete dicindo "que é? que é?"... "Ohhhhhh unha tapadeira!! Grazas!!" e así con unha chea de paquetiños.

De cando en vez dálles por xogar ós agasallos, é unha brincadeira que pode durar toda a tarde ou mesmo varios días como foi neste caso. Desta vez e aproveitando que tiñamos a árbore foron colocando os agasallos debaixo dela e ó día seguinte fomos abríndoos.

É un xogo bem divertido, aconséllovolo!