10 de setembro de 2009

O material escolar novo

Para min o mellor do comezo do curso sempre foi ir mercar o novo material para o ano. Os libros, as libretas, as pinturas, as mochilas... non todo se mudaba de cada vez pois sempre aproveitabas dun ano para outro algún material, ou herdabas libros do irmán, do primo, do veciño,... Mas o pouco (ou o moito) que tocaba mercar ese ano era todo un tesouro.



Os libros sempre foron o que máis ilusión daba, se eran novos encantábame abrilos e sentir aquel arrecendo a tinta, e se eran herdados tamén gostaba de abrilos, borrar o nome do anterior propietario e pór o meu, borrar os exercicios ou as declaracións de amor,... e recordo á miña nai escribindo o noso nome en papeliños para logo ilos pegando por dentro do forro transparente de xeito que o seguinte propietario puidera quitalos con facilidade para pór o seu nome.
E ver a pila de libros xa forrados, eran un montón! aínda podo sentir as bolboretas no estómago! que nervios e que ilusión todo o que íamos aprender! que interesante parecía todo! estaba xa desexando facer aquel experimento, ou ler aquel libro, ou... Creo que a ilusión nunca durou máis dun mes :(

Coñecer ó profesor (ou profesores) que che ían "tocar" ese ano tamén era unha parte moi importante e case sempre decepcionante ou mesmo aco...ngojante, porque hai que ver cos elementos que pode toparse un!! tiven un profesor que tratábamos de Don do que non recordo o nome mas podo ver a súa cara e o seu branco bigote perfectamente, que fumaba puros en clase, e falo de sexto ou sétimo de E.X.B.!

E os compañeiros! estaríamos xuntos un ano máis? quen me tocaría de compañeiro de mesa? Isto non daba tantos nervios, a pesar de que no meu primeiro ano do instituto tocoume nunha clase onde a metade eran repetidores ou "tripitidores". Podedes imaxinarvos o desenrolo das clases: un que lle intenta queimar o pelo á compañeira ou meterlle man á mestra, outro fumando na clase no fondo da aula,... e ollo que eu estudei nun dos mellores institutos da cidade.

Mas non todo foi malo, case cada mes vexo (vemos) á profe que me aprendeu a ler e falamos un ratiño e fala tamén coa miña pequenada e non sempre recorda ó máis pequeno mas sempre comenta fachendosa ás amigas que fun a súa alumna e eu síntome feliz de ter estudado con ela e tamén das aulas que tiñamos a sorte de ter co seu home (un coñecido pintor e belísima persoa).

Feliz volta (ou non) ó cole.