8 de março de 2009

Empeza o periodo de preinscripción nas escolas

····················· Nenos que non queren ir á escola ·····················
Por Carlos González Rodríguez

Empezar a ir á escola é un cambio importante na vida de todos os nenos: persoas novas, normas e horarios diferentes... Como todo proceso adaptativo, a escolarización debe facerse paulatinamente. Ter en conta o seu grado de madurez é a clave para evitar que o neno sufra.

A maior parte dos alumnos de infantil e primaria -entre os 3 e os 12 anos- pásano ben na escola. Raramente choran na porta ou se agarran aos brazos da súa nai ou do seu pai. Pronto entran na escola sen volver a vista atrás. Os pais acaban renunciando a esixir un bico de despedida -"Que vergonza, diante dos meus compañeiros!"-, e o día menos pensado róganche que deixes de acompañalos.

Aínda que ocasionalmente poidan queixarse dalgún compañeiro, dalgunha "inxustiza" dos profesores ou da dificultade dalgún exercicio, van á escola ilusionados e sen opoñer resistencia. Aínda máis, a principios de setembro abúrrense tanto na casa que desexan volver ao cole.

Pero esta situación non é sempre así. Algúns nenos sofren na escola ou se negan a ir. Como podemos axudarlles?.


Seguro que está listo?

Naturalmente, non todos os nenos crecen á mesma velocidade. Aos tres ou catro anos hai pícaros que aínda non están preparados para separarse dos seus pais, do mesmo xeito que os hai que, con dous anos, son máis independentes. Ás veces, nos primeiros días de clase, obsérvase un efecto paradoxal: nenos que xa foran antes á gardería choran desconsoladamente, mentres que outros que estiveran sempre na casa, entran -e saen- contentos.

E é que separarse da nai sen angustia non é algo que se aprenda, non serve "afacerse" nin "practicar". É unha cuestión de maduración, de idade. Cun ano, non queren separarse nin un momento dela; aos cinco aceptan facelo; e aos quince, están desexando facer e desfacer pola súa conta.


Empezar con bo pé

Ao neno que separamos da súa nai demasiado pronto, lonxe de "afacelo", podemos deixarlle o recordo dunha triste experiencia. Non teme á escola senón ao lugar onde o pasou tan mal de pequeno. En cambio, o que espera feliz coa súa familia e só vai ao cole cando está realmente preparado non ten malas experiencias que recordar.

Cando o problema é a curta idade, o tempo é o mellor remedio. Non se trata de "como conseguir que a miña filla vaia á escola contenta", porque iso ocorrerá ao cabo duns meses, aínda que non fagamos nada de nada. O problema é "nestes meses que faltan ata que a miña filla vaia á escola contenta, como conseguir que sufra o menos posível".

En moitas ocasións, bastará un pouco de comprensión e unhas palabras de ánimo. É importante aceptar a ansiedade do neno - "O primeiro día dá un pouco de medo, verdade?- , explicarlle que fará na escola, con quen estará, quen virá recollerlle e cando. Non negar a súa angustia -"Non te poñas así que ninguén che fixo nada","Pero se non pasa nada, parvo"- e moito menos, ridiculizalo- "Parece mentira, un neno tan grande chorando, que vai pensar a profe","Os outros pícaros non teñen medo, es o único que chora".

Ao saír da escola, pode que o neno esixa máis colo e máis atención da habitual e que se pegue coma unha lapa, ou que se mostre malhumorado, berrando, evitando a mirada, protestando por todo. É importante comprender que estas son as respostas normais á separación, que o noso fillo necesita comportarse así para sentir que lle seguen a querer e para recuperar a seguridade. É importante darlle isos colos e esa atención que pide, e tolerar seu mal humor sen disputarlle nin castigarlle.

Unha resposta fría e distante - "Camiña que para iso tes os pés","Non sexas pesada","Agora estáste portando coma un bebé, mamá está enfadada"... - xusto no momento que máis nos necesitan, non fai máis que empeorar as cousas.

Noutros casos non basta con boas palabras. Hai pícaros que o pasan realmente mal. Se as circunstancias laborais e familiares permiten outra opción -quedarse un tempo en casa, ou cos avós- , é bo ofrecela: "se queres, mañá quédaste en casa no canto de ir ao cole".

Moitas veces, o neno declina a invitación: a seguridade de saber que existe unha saída, que os seus pais compréndenlle e tómano en serio, dálle o valor para continuar. Outros nenos necesitarán quedarse en casa durante uns días ou semanas. Non será iso un paso atrás, non estaremos contribuíndo a que se enquiste a situación e non se adapte nunca á escola?. Ao contrario: ir un día tras outro, chorando e sufrindo, é o que pode enquistar a situación.

Algúns nenos parece que están contentos o primeiro trimestre, pero en xaneiro esborrállanse. Non debemos pensar que é unha tomadura de pelo ou un retroceso. Talvez as vacacións do Nadal recordáronlles o que podía ser e non foi: chegaran a aceptar que "Hai que ir ao cole porque papá e mamá traballan e non hai ninguén máis que me poida coidar", e de súpeto descobren que mamá si estaba en casa -por exemplo, se a nai ten vacacións- ou ben que hai outra alternativa e alguén lles coidou cando non había escola.


Fronte ao acoso escolar

Abofé que tamén pode haber motivos máis duros para non querer ir ao cole. Pode haber un "matón" ou un grupo de "matóns" que manteñen aterrorizados aos demais nenos. Pode haber problemas con mozos maiores, á hora do patio na entrada ao recinto escolar. Uns nenos poden converterse en vítimas por algún defecto físico, pola súa torpeza nos xogos, por problemas de aprendizaxe ou por non levar roupa de marca; outros, por todo o contrario, por "empollones", "pijos"... Non se fala tanto do acoso ou os malos tratos por parte dos profesores, pero tamén se dá. Os nenos maltratados polos seus compañeiros ou profesores poden calar ou ata negar que sufriron reiteradamente eses maltratos. Será entón cuestión de investigalo.

O rexeitamento á escola non sempre é explícito. Algúns nenos teñen, con demasiada frecuencia, dores de cabeza ou de barriga que desaparecen misteriosamente ós poucos minutos se se quedan na casa. Non sempre están finxindo. Un neno ten tanto dereito como un adulto a somatizar, a sentir verdadeira dor de cabeza por estres. De todos os xeitos, tanto o neno que finxe como o que de verdade séntese mal ten un problema e necesitan comprensión e axuda, non castigos ou sermóns.

O primeiro, abofé , é preguntarlle que lle pasou, por que non quere ir á escola. O problema é que non sempre o explican, porque non queren ou porque non poden. Haberá que falar, entón, cos seus profesores e con outros pais. Houbo algún problema cos estudos, cos exames, coa disciplina? Hai outros nenos en clase que non queiran ir á escola ou que cambiaron de humor ou de conduta nos últimos meses? Hai conflitos persoais, pelexas e insultos entre compañeiros? Conflitos co persoal docente?.


Buscar alternativas

Os problemas leves resólvense pronto con paciencia, apoio e agarimo. Pero non sempre é tan doado. Se o problema é xeral, a acción conxunta de varias familias, protexidas se é preciso por psicólogos e pediatras, poden conseguir cambios na conduta da persoa conflitiva... ou a súa expulsión.

Pero ás veces trátase dunha incompatibilidade persoal. Algúns nenos necesitan un cambio de aires: outros profesores, outros compañeiros, outros métodos educativos. E a algúns, sinxelamente, a escola non lles funciona. Se aceptamos que un adulto queira ser camioneiro, vendedor ou cantante e que aborreza o traballo de oficina, por que é que a todos os nenos vailles convir estudar no mesmo ambiente, coas mesmas normas, métodos e horarios?.

De feito, a xulgar polas estatísticas de fracaso escolar, son moitos os nenos aos que a escola non lles serve. Talvez por iso hai familias que optan por educar aos seus fillos en casa (véase www.educacionlibre.org).

En último término,en caso de conflito,os pais temos que recordar que a nosa lealdade e o noso deber están cos nosos fillos, non co sistema educativo.

······························

O artigo en castelán: Niños que no quieren ir al cole