Atrás quedou o outono primaveral, o frío chegou cos seus amigos humidade e vento para se quedar e subir polas costas paseniño facéndonos cóxegas.
Xa se sente na terra, enchoupada de auga, que por fin da de beber ás plantas.

Xa se sente nos bambáns, onde só o vento é quen se abanea

Xa se sente nas camas, sendo tempo de abrigalas e vestilas de inverno.

Nós usamos nórdicos, calor lixeiriño e aviar, mas xa sabedes da miña teima con gardalo todo e estas mantas que quentaron a miña nenez tráenme recordos dela, de cando o calor pesaba e tiña arrecendo a la, de cando non se tiraba o que rompía. Estas mantas están cheas de zurcidos e eu podo ver neles á miña aboa cosendo nelas, facendo que duren outro inverno máis.
Canto amor había antes nas cousas, hoxe tírase o roto e substitúese axiña. Eu prefiro o roto, os obxectos vivos e con historia ti non?
Xa se sente na cociña, onde é tempo de prendela coa leña que deu teito durante o verán ó lagarto.

E onde quentamos as mans coas castañas que apañamos na castiñeira dun veciño que anda emigrado lonxe da terra.
Non son boas as castañas este ano, moita seca quitoulles o sabor e impediulles crecer mas paga a pena facelas aínda que sexa só polo arrecendo co que enchen a casa.
Non son boas as castañas este ano, moita seca quitoulles o sabor e impediulles crecer mas paga a pena facelas aínda que sexa só polo arrecendo co que enchen a casa.

E Xa se sente na casa, que pasa de ser lugar de paso para converterse en lugar de acollida, pois é tempo de quedar dentro, protexidos do vento frío e a choiva.