18 de junho de 2009

A selva de detrás da casa II

Xa vos teño falado outras veces da selva que teño no xardín, atopamos ras, lagartos arnais, píntegas, miñocas, avenoiteiras, escánceres, ... Mas coa descuberta de hoxe aínda me dura o mal corpo.

Na parte de diante temos unha billa onde xogan os meniños e onde istos días tiñamos unhas caixas con leña para que o pequeno non tentara baixar por aí ó xardín xa que hai unha boa baixada que aínda que ten unha pequena escaleira non está feita para os seus pequenos pés.

Pola mañá estiveron a xogar na billa, minutos antes de achala o bebé estivo a sacar leña das caixas para botala nun cubo grande con auga que temos baixo a billa (non hai que desperdiciar nin unha gota!) e cando o meu home foi retirar as caixas porque lle estamos a pór unha cancela apareceu ela

É (era a coitada) unha víbora común (vipera berus) ou víbora galega, unha das poucas serpes velenosas da península.

Estreméceseme o corpo cada vez que penso o cerquiña que estiveron os cativos dela, a coitada foi achar a morte na porta da nosa casa pois non tiñamos ningún trebello seguro para agarrala nin para trasladala e puido máis o medo de que nos mordera ou de que escapara e se agochara noutra parte do xardín (sobre todo isto) que a súa vida.

Dáme moita mágoa por ela e porque agora teño unha inquedanza cos meniños e o xardín que non volo podedes imaxinar, por isto a becha acabou co meu xardín salvaxe-asalvaxado ( ;) Pilar). Xa temos decidido eliminar vexetación e zoas húmidas (coitadas das ras e as píntegas!) que é onde se agochan estas víboras.

As que vivides do norte non estaría de máis que lle botarades un ollo á wikipedia ou aquí (para diferenciar as culebras das víboras) e que vos informarades ou incluso tiverades na casa un papeliño coa identificación das serpes velenosas da vosa zoa e a forma de actuar de se producir a mordida.