Estes días pasámolos na praia onde puidemos remollarnos a pesar da auga fría do Atlántico, andar polas rochas á procura de caranguexos para poder tocalos e deixar que nos fixeran cóxegas nas mans, atopar algún caranguexo ermitán, mirar andar os caracois de mar polo fondo da auga, caramuxos, algún escaravello despistado que farto tras ser pasado durante un bo rato de man en man deu un pequeno chancho ("pero non me doeu porque es pequeniño")... e como sempre fixemos un pequeno acuario efémero nos cubiños de cores que adornamos con algas, cunchiñas, area... e onde puidemos ver como nadan as pulgas da praia e deixar que pasaran por entre os nosos dediños.
Á volta apareceu algunha lapa na cesta da praia (xa dicía eu que cheiraba demasiado a "mar" :D) e tamén unha chea de tesouros que pasan a aumentar a nosa colección.
Tamén mudamos o enfeite da porta (teño que facer foto para ensinárvolo), e aproveitando as caixas de cereais fixemos un gran sol para anunciar a chegada do verán, falta por rematar os enfeites, polo de agora fixeron un flotador e bolboretas e teñen a medio facer un xeado, unha antuca ou parasol e quen sabe que mais!! :)