30 de setembro de 2009

Outono primaveral

Aproveitando o calor que fixo estes días atrás e coa escusa de que non había quen aturara no sol, fomos limpar unha leiriña que temos pola que pasa un regatiño.

Os "maiores" pasámolo bomba limpando o "río" de follas, pólas e demais, berrándonos un ó outro: "olla qué rápido baixa agora a auga!" i é que non temos sentidiño ningún XD. Eu ademais fiquei co sorriso parvo e a ledicia dun pirata que recén ven de atopar un tesouro, cando vin os fentos reais que medran na beira do regato i é que este fento leva na terra dende hai máis de 60 millóns de anos! Estades a ver o mesmo que miraban os dinosauros, non é incrível? A primeira vez que os vin, nas Gándaras de Budiño, era unha cativa e esta foi a miña segunda vez e fico igual de marabillada que daquela.


Na foto non se aprecia mas cada "pola" ten uns 100cm.

Os pequenos, sen dúbida por influencia dos fentos, retrocederon uns cantos millóns de anos e fixeron arte como os seus primitivos antepasados.


Non quero nin imaxinar a cara do veciño cando vexa en que se converteu o marco! XD
E pódese intuír a importancia que teñen na Galiza estas pedras se temos en conta a cantidade de nomes que teñen: extremas, espetos, lindes,... Engades algún máis á lista? :)

. . . . .
Bego engade:
"Os marcos (na miña terra así se coñecen) tamén se poden chamar derregos/as e cómaros.
. . . . .

E no xardín seguimos a atopar habitantes, como esta lambona de case 2cm, que tivemos que retirar pois fixo a súa mega-tea de araña nun camiño de paso.


Ou esta cucadiña que estaba atrapada no cubo que temos baixo a billa e que non sei que é, seica unha cría de lagarto arnao (ou lagarto das silvas)?

Por certo, conteivos que hai varias semanas escoitamos ouvear o lobo? Foi de noite, lonxe, nos montes, e cando o penso aínda me volvo emocionar, mistura de medo e ledicia.

E collendo poliñas da vimbieira para o proxecto semanal, atopamos a este outro disfrazado :)



E hoxe tamén estou en Infantil: Aprender es fácil