23 de junho de 2009

Solsticio de verán

Hoxe é no hemisferio norte o día máis longo e a noite máis curta do ano, hoxe é noite de bruxas na Galiza, hoxe á noite ábrense as portas que comunican este mundo co Alén, esta é a noite máis máxica da Galiza.

Durante o día recóllense as herbas de san xoán que van ser deixadas nunha tina con auga para receber a bendición do orballo de san xoán e mañá pola mañán hanse lavar con esta auga todos os da casa, en especial os meniños, pois esta auga non só ten propriedades cosméticas senón tamén medicinais e máxicas.


Hoxe á noite non só se fan fogueiras que han ser saltadas tres veces berrando "meigas fora!", tamén é noite de troula. Os mociños levan as cancelas e non é raro ver ós veciños pola tardiña soldándoas para que non llas leven xunto co carro ou as bestas, eu teño visto un burro ou unha ovella aparecer pola mañá na rotonda de entrada a algunha cidade.

Tamén se comen sardiñas con cachelos ó calor da fogueira ou cacharela, á que se lle van tirar os móveis vellos (ou mesmo os apuntes do ano na versión máis moderna) como purificación.

Esta noite as mociñas botarán un ovo nun vaso de auga que deixarán baixo a cama e que á mañá seguinte desvelará a profesión do futuro marido, e aquelas mociñas que non conseguiron embarazarse vestirán un camisón branco e irán ás doce da noite a coller as nove ondas sobre o seu ventre na praia da Lanzada ou praia de Areas Longas, coñecida por todas as bruxas por ser lugar de celebración de akelarres.

Esta noite as fontes botan auga máxica e ó raiar o sol recóllese a frol da auga e pola mañán o sol baila no firmamento e con el todas as meigas do mundo, que xa estiveron de xuntanza co demo e botando meigallos.

Boa noite a todos!






Máis información en: