17 de maio de 2009

Hoxe é o día das letras galegas

Este ano adícase este día a Ramón Piñeiro e eu non podo máis que pensar nesta nosa lingua malquerida e atacada que está ferida de morte.
Hoxe hai unha manifestación en Compostela polo dereito a vivir en galego, hoxe, 17 de maio de 2009, non de 1969 :(


Aínda que a RAG (Real Academia Galega) vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego, que o sindicato de Xornalistas denuncia que moitos informadores non son libres para traballar en galego, que (non me cansarei de contalo e non son eu a única que o di, que o vive) moitos nenos teñen serias dificultades para entender e falar o galego,



a pesar de isto e doutras cousas ha quen promove e alimenta un irreal conflito lingüístico na Galiza, quen di que se está a impor o galego, que son rexeitados por falar castelán,... Goebels dicía que "unha mentira repetida mil veces convértese en verdade".
Isto é unha grande falacia, nos meus "taitantos" anos, na miña vida fun discriminada por usar castelán, NUNCA, e fun (e son) castelán falante en moitos eidos incluído o universitario, mas si podería falarvos do exemplo contrario, de profesores que me recriminaron o uso do galego, de funcionarios que me trataron con desprezo por falarlles en galego, de institucións públicas na Galiza que ou ben non admiten o uso do galego ou o dificultan,...

Podería dicir mil cousas e mil argumentos para contradicir a quen di iso ... mais so vou dicir unha cousa, menten.