26 de fevereiro de 2009

Proxecto trimestral: O ESPAZO

Os elementos do mural son todos de Learning Page, agás o sol que está pintado a témpera e o cinto de asteroides que está feito con recortes do "sacabocados" (desculpade pero non sei como lle chaman ó aparello ese).


Fixen unhas pequenas tarxetas cos nomes dos elementos do mural que van pegadas co "chicle" ese que serve para tal efecto, así que a idea e dar as tarxetas despegadas e que o neno as pegue no seu sitio. Máis ou menos xa se saben os nomes de todos os planetas e a colocacións dos que están máis perto da Terra pero a miña intención é que aprendan a recoñecelos na escrita con axuda destas tarxetiñas de quita e pon.

Tamén coloquei unha Osa maior, non é a miña intención que con 4 anos aprendan a ollar para o espazo e recoñecer constelacións ou cousa semellante, mas si que saiban da súa existencia. Xa propuxeron pegar máis estrelas e unilas para que formen unha outra constelación :D

Despois imprimimos esa familia de astronautas (de Canon), que foi debidamente "tuneada" e retocada. A imos pendurar de fíos para que poidan voar libremente de planeta a planeta.

Na web de Canon podedes baixarvos para facer unha Lúa, un planisferio e unha Terra, aínda que eu preferín (por parecerme máis adecuado á idade) que fixéramos á familia.

Tal e como fixemos co proxecto trimestral anterior, durante o tempo que nos adiquemos a este procurarei que as fichas e actividades (así sexan de matemáticas, lecto-escritura, grafomotricidade, etc) teñan como tema de fondo o Espazo. Aquí tedes algunhas fichas, aquí, aquí e aquí unha infinidade de recursos que aínda non "filtrei", así que se algunha o vai facendo que vaia avisando ;)

Tamén sería bo facermos unha escafandra se imos andar por aí fora non?