Fomos ver a representación de Flis Fli Ris Flas, do grupo Matapiollos, que se encadra dentro da campaña de animación lingüística da que xa vos falara.
A obra é boísima, recoméndovola sen dubidalo. Os nenos participaron un montón interactuando en todo momento con Martiño (o protagonista) e os pais botamos uns risos coas súas ocorrencias.
O escenario é sinxelo, apenas aparece nunha metade a habitación de Martiño e na outra só escuridade, pero non baleira! aí transcorre boa parte da peza. A obra acompáñase dunha canción moi sinxela que acabamos cantando todos xuntos (xa sabedes porque é que está a chover. Ups!).
Na páxina da Editorial Galaxia din que ós asistentes agasállannos cun conto cunha chea de actividades e un CD interactivo, mas na representación á que fomos nós non deron nada. Non sei se o darán despois nas escolas porque semella que iso é o que queren dicer. Unha magoa polas actividades que o acompañaban e que tanta falla fan na nosa lingua.