21 de setembro de 2008

Proxecto semanal moi doce

Esta semana estivemos un pouco preguizosos co tema do proxecto e só fixemos unhas galletas, pouco orixinais fomos, aínda que as galletas están de rechupete!!

Galletiñas de lacasitos:
Ingredientes:
1 cunca de manteiga ou margarina posta previamente a derreter
1/2 cunca de azucre
1/2 cunca de azucre moreno
1 ovo
2 cuncas de fariña
1/2 cunca de avea
1 culleriña de fermento
1/2 culleriña de bicarbonato
1/4 de culleriña de sal
Un pouco menos de dúas cuncas de "lacasitos" (mellor dos planos e non os tipo "ovo")
1 cunca de cereais de almorzo
1/2 cunca de coco relado
1/2 cunca de noces picadas

Preparación:
Namentres prequentamos o forno 180º C, imos preparando a masa.
Por unha banda, nun bol batemos os azucres e a manteiga ata que estean cremosos e esponxosos, para despois engadir o ovo e voltar remexer ben todo.
E noutro bol botamos a fariña, a avea, o fermento, o bicarbonato e o sal.

Mesturamos o contido dos dous boles e engadimos os lacasitos, os cereais, o coco e as noces. Remexemos e xa temos a masa!!

Imos formando as galletas e colocámolas sobre a reixa do forno nun papel de cociña. Enfornar de 10 a 13 minutos máis ou menos, deixar até que estean lixeiramente douradas e deixalas arrefriar completamente porque ó sair do forno tamén están un pouco brandas.

Despois comelas sen medo que todo o que leva son cousas que non engordan :)