~♥~
Lanzado onte por un grupo de escritores e xornalistas, xa está aberto a novas incorporacións o manifesto 'Os medios galegos importan'
Na web www.osmediosengalegoimportan.com xa se pode asinar o manifesto lanzado onte, unha das primeiras iniciativas sociais organizadas ante a crise dos medios de comunicación en galego. Xosé Manuel Pereiro, Ignacio Ramonet ou Marilar Aleixandre son algúns dos primeiros asinantes aos que poden sumar novas adhesións a través desta páxina web.
"Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora", é unha das frases do manifesto que veñen de facer público un grupo de xornalistas, escritores e intelectuais, catalizado pola anuncio do peche da edición en papel de A Nosa Terra, que se suma a outras clausuras como a recente do portal dixital Vieiros.
O manifesto critica a inibición dos poderes públicos e reclama a súa implicación, "ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto"