30 de abril de 2009

A cesta da choiva

Na casa temos unha cestiña que está no alto dun armario á que só teñen acceso de cando en vez, case sempre esas tardes de frío e choiva, ou calquera outra na que non saímos fóra.

Como istos días estamos a "gozar" (grrrrrrr) dun abril cheo de auga, a cesta xa baixou un par de veces e aproveitei para sacar unhas fotos. Pola imaxe de arriba vos facedes unha idea de como se espalla o seu contido, no noso caso non apto para nenos moi pequenos.

Segundo conta Sarah Ban Breathnach no seu libro "El encanto cotidiano", as mulleres vitorianas dispuñan do "armario dos días de choiva", onde gardaban como se dunha colección de tesouros se tratara, caixas etiquetadas baixo distintos epígrafes: manualidades, cociña, xogos, material de pintura ou con novidades ás que só se tiña acceso eses días. Hoxe en día é complicado ter espazo dabondo para poder adicar un armario a istos dispendios mas elaborar unha cesta ou unha caixa para "eses días" non é difícil nin por suposto caro, a nosa casa ten unha chea deses xoguetiños que dan de agasallo e que a maioría da xente tira ó lixo e que polo tanto estarán encantados de volos dar.

Nunha cesta da choiva non poden faltar elementos que animen a mover o corpo: pelotiñas, pompeiros,... poder botar unhas carreiras cando un está "encerrado" desafoga moito ;)


Ademais da parte motriz tamén é importante a auditiva, polo que hai que incluír pequenos instrumentos musicais, asubíos, bonecos que fagan ruído, música, etc.


A medida que vaia avanzando a tarde e os ánimos se vaian temperando (hehehe) será bo dispor de pequenos quebracabezas, xogos de memoria, etc. Eu engadín a sorpresa de telos que procurar en oviños de plástico, que gardan no seu interior un variado de cousas, incluídos pompóns de cores.


Tamén é bo dispor dunha chea de bonequiños variados que servirán para montar mundos fantásticos, ou para agrupalos segundo as súas características (xogo matemático que xorde espontaneamente nos nenos), facer filas con eles, etc.


Creo que a todos os nenos lles gusta o de agrupar obxetos, ou o de facer reas con eles. A miña nai cando mira ós meus pequenos adicados a estas labores sempre se acorda dos seus proprios fillos facendo "trens". Por iso non esquezades engadir moitos obxetos de características similares.