24 de dezembro de 2008

O Nadal na Galiza

Antigamente eran moitas as tradicións que tiñamos na Galiza nestas datas e estanse a perder agora que camiñamos cara a uniformización dos costumes, das culturas, das linguas... A cultura é parte da nosa identidade, non somos máis cultos por facer todos o mesmo, non somos máis cultos por falar menos linguas... máis ben todo o contrario. Non deixedes que vos confundan, a uniformidade do pensamento só leva á pobreza cultural. Non deixedes que vos rouben o bacallau con coliflor, as fogueiras de San Xoan, as romarías, ... que se coman eles as hamburguesas!! eu quero un "polvo á feira", en definitiva, vivamos como galegos, non coma californianos.



Deixo aquí unha pequena escolma das vellas tradicións galegas destas festas, por se alguén non as coñece ou quere traballar sobre elas ou mesmo recuperalas.

Por certo que veño de descubrir este libro dos Bolechas: Os Bolechas festexan o Nadal, que para o que non o saiba son son unha familia formada por 5 raparigos que, eu non sei que terán, mais ós nenos gústalles un montón.

E se queredes mandar algunha postal electrónica na nosa fermosa lingua, podedes facelo a través da páxina de Nadal en Galicia.

Para min a festa máis importante destas festas é a Noiteboa (o 24 de decembro) pois é cando se xunta a familia toda para cear. Non hai Nadal se non hai noiteboa.

Antes, pola tardiña o típico era cantar polas portas as panxoliñas nas que se falaba do nacemento do neno Xesús e pola noite cenábase marisco, bacallau con coliflor e cordeiro asado (que soe ser de casa) de terceiro prato. Na miña casa aínda perdura este menú.

Nalgúns sitios púñase unha mesa aparte con tantos pratos como familiares falecidos ou ausentes houbese e cos mesmos alimentos, isto facíase por se a alma dalgún acudía esa noite a quentarse na lareira e por esta mesma razón tampouco se podía apagar o lume (debía apagarse por si mesmo) ou varrer a cociña ata o día seguinte para non botar ás almas dos defuntos que puidesen vir a casa a pasar a noite quentiños cos seus.

A media noite, de camiño á misa do galo, nalgúns lugares a tradición era levar un galo e facelo cantar mentres se oficiaba a misa, noutros lugares existía o costume de facer bromas durante a propia misa.

O día seguinte, no Nadal, comíanse (cómense hehehe) os restos da "frugal" cena de noiteboa.
Pola noite acendíase un tizón grande, "o tizón de Nadal" (tamén chamado cachopo) que non se debía deixar arder enteiro esa noite senón que se gardaba e acendíase en calquera momento do ano como protector de moitos males, sobre todo cando tronaba ou había grandes tempestades, este costume aínda está vivo nalgúns pobos e crese que probavelmente sexa de orixe celta. Foi un costume moi importante, sobre todo en Lugo e Pontevedra e está relacionado co carácter sagrado que se lle dá ó lume da lareira xa que durante todo o ano existía a prohibición de matalo e de botar nel cousas sucias, seguramente pola crenza de que as almas acudían a quentarse a ele.

Para o Aninovo (o 31 de decembro) os mozos facían un boneco de palla pola tardiña que despois paseaban en rolda pola aldea ou por toda a parroquia entre berros e ruído para queimalo á noitiña no campo dás festas, ao que acudía o resto da xente. A festa podía durar toda a noite e ata o día seguinte cantando con pandeiretas e gaitas, celebrando o ano novo e pedindo agasallos, que segundo o caso eran en especie (ovos, chourizos) ou diñeiro. As roldas ensaiaban algúns días antes para aprender as letras que xeralmente eran coplas tradicionais referentes ao ano novo. Logo da festa reuníanse os compoñentes para facer unha comida cos aguinaldos que sacaran.

Nalgúns lugares practicábase o costume dos chamados Manoeles, felicitacións de broma ou en serio, poñendo boneos con escritos burlescos ou tamén cantando algunha copla. No caso de cantarse coplas, o Manoel felicitado tiña a obrigación de invitar á rolda que lle cantaba polo seu santo.

Aínda seguen vivas estas tradicións en moitos lugares salvo nas grandes urbes, nas que o consumismo fixo que a celebración se limite á esmorga e a comer as uvas fronte ao televisor mentres soan as badaladas. Pola noite tómanse 12 uvas, unha por cada badalada, e é normal compartir a festa non só coa familia se non cos amigos, veciños.

E o día de Reis (6 de Xaneiro), como no Día de Ano Novo, roldas de mozos percorren durante a véspera pola tarde e noite as aldeas cantando os reises e pedindo aguinaldo. Os reises son, en xeral, romances que contan a historia da viaxe dos tres Reis Sabios de Oriente. Antigamente, esta festa tiña un carácter de tributo e felicitación aos señores que por esas datas recollían as rendas dos aldeáns, entre elas o coñecido capón. Por iso é polo que os cánticos recordados sexan en castelán, o idioma dos "amos".

Ese día tamén se come a Rosca de Reis, que esconde unha faba que fará rei ó que a tope. A mañá do día 7 é costume ir de casa en casa recollendo os agasallos e despois ir ao parque a xogar con eles.