18 de setembro de 2008

Desaprender

A través dunha mensaxe no blogue de María cheguei a unha mensaxe de Airenita no blogue do seu fillo Axel, que podedes ler eiquí: Me encanta la música, onde fala do proceso de desaprendizaxe que temos que seguir moitas veces os pais.

A min que son máis simple que o mecanismo dunha chupeta, recordoume aquelo que dicían na Bola de Cristal de que había que desaprender para desenseñar cómo se deshacen las cosas i é certo que temos que facer un esforzo para desaprender moitas das ensinanzas que nos aprenderon de pequenos, a maioría aprendidas por simple imitación e que agora saen de nós espontáneas, sen pedir permiso e moitas das veces avergoñándonos. E o pior de todo non son estas ensinanzas, senón aquelas que a sociedade vainos aprendendo paseniño, sen facer ruido, case sen enteirarnos, esas que nos dín qué hai que aprender ou o que é pior cómo hai que aprendelo, en qué temos que crer e cómo manifestar as nosas crenzas, o que hai que facer para "triunfar na vida" e tantas outras parvadas que nos fan viver a maioría das veces nun estado de infelicidade por non achegarnos ó que é "de ben", sendo tal cousa no 90% dos casos: ter unha chea de cartos (coma si os cartos proporcionaran algún tipo de felicidade permanente e sen sobresaltos) e unha carreira profesional exitosa, tanto ten se para ser unha persoa de proveito tes que deixar no camiño a túa vída ou a vida doutros. Mira que somos parvos os homes eh? pasamos o 60% do noso tempo despertos a traballar coma mulas para ter moitos cartos que non podemos desfrutar máis que 20 días ó ano, e iso por non falar daqueles que teñen fillos para velos dous días á semana (ou menos).

En fin, algúns dos que fomos criados na época da bruxa Avería imos aprendendo a desaprender i eu teño que confesar que canto máis desaprendo máis feliz son.