20 de setembro de 2009

Comezamos cos proxectos semanais :)

Pois xa estamos organizados (mentira cochina pero seica ó escribilo e pensalo e imaxinalo igual se fai realidade :D) e comezamos cos proxectos.



Quérovos facer unha consulta sobre o tempo para facer os proxectos porque o "curso pasado" houbo quen me pediu que o fixéramos quincenalmente porque non tiña tempo de preparar/pensar/realizar algo todas as semanas, así que como os vosos desexos son ordes para min... aí tedes a enquisa :D

O tema desta semana non podía ser outro, agardo que me perdoen as do hemisferio sur.



Palabra clave desta semana: OUTONO (otoño)

Caixa de ler II

A nosa caixa de ler incorpora novo material, trátase dunhas pequenas tarxetas plastificadas que fixen hai días (xa sabedes que as imaxes as procuro no google imaxes) e están compostas por unha banda da representación gráfica e pola outra da representación escrita.

Polo de agora só hai palabras de 2, 3 ou 4 letras e o "xogo" consiste en agrupar cada palabra co seu debuxo, mais xa estou pensando en sacarlle rendemento dándolle outras funcións (agrupacións por seres vivos ou inertes, por partes do corpo, por animais, etc.)



Vos como aprendedes a ler aos pequenos? gustaría moito de escoitar como o fixerdes ou facedes, ando falta de ideas (ademais de tempo).


EDITO:
Engado unhas ligazóns que atopei cunha cousa moi semellante, seica sego os pasos de María Montessori sen sabelo :O

18 de setembro de 2009

A rutina diaria

Hai uns días vin unhas fermosas tarxetas sobre as rutinas diarias en Living Locurto e servíronme de inspiración para facer as nosas proprias.
E xa aproveitando pois pedinvos axuda a algunhas de vos (graciñas Madalen e Sandra) para facer a tradución ao éuscaro e mais ao catalán por se alguén as quere empregar, por certo admítense peticións para linguas minoritarias e/ou minorizadas hehehe.

Eu impriminas nun folio de cor amarelo e despois de colalas no sempiterno cartón de caixa de cereais, corteinas coa nosa nova guillotina do "Lidel".

*** * ***
Como xa me preguntáchedes varias, respóstovos por aquí :)
Agardo empezar cos proxectos semanais en outubro en canto a nosa rutina estea plenamente estabelecida porque polo de agora non chegaríamos e non sei que me da que empecedes sen nós :D
*** * ***

Hoxe tamén ando por Infantil: Aprender es fácil

14 de setembro de 2009

Por aquí ando

Teño tan abandonado o blogue! i é que ultimamente non sei onde van as horas mas sospeito que andan todas voando camiño de "Nunca Jamás", en todo caso prometo ir respostando aos vosos e-mails :)

As novidades blogueiras son que voltamos saír varias veces no ABC&123 e polo tanto xa facemos parte do seu apartado de colaboradores e síntome taaaan contenta, cando penso que houbo quen me dixo que como o meu blogue era en galego non chegaría a ninguén... E tamén saímos no "The Crafty Crow" hai un par de días, se non coñecedes esa fantástica páxina xa estades tardando en ir pois é unha estupenda recompilación de actividades para facer cos nenos. E xa para rematar a miña ledicia blogueira, a nosa Jacqueline invítame vía Carmiña a participar no seu novo blogue: Infantil - Aprender es fácil e eu marabíllome por todos estos agasallos e fico sen palabras, quen me ía dicer que acontecería todo isto hai un ano? quen me ía dicer que atoparía con xente tan marabillosa grazas ó blogue?
Grazas por acompañarme e arrincarme estos sorrisos, grazas por facerme sentir "importante" :)

Tamén foron pasando varias tendas pola miña coluna, espero que visitarades as creacións tan preciosas que fai a Lídia de Eco Jóias, a verdade e que eu non sabía que había sementes tan belas :) e agora anda por aquí RJ Charms que fai unhas cousas moi orixinais tamén, eu teño un colgantiño en prata e azul que fai as delicias da rapazada, que sempre tenta abrir e pechar as tesoiras (o meu coas tesoiras xa parece unha obsesión XD) e que escollín porque me pareceu tan "crafty"... :)

E falando de "craftear" (Marvan mátame!), o meu derradeiro proxecto rematado é unha coroa de feltro. Empreguei o patrón de Koala brains, mas como vedes non pechei a coroa coa típica goma forrada de tea que é o que soe empregar todo o mundo, senón que a miña vai cunha diadema do "todo a 100" (a falta de goma agudiza o inxenio hahaha).



E uns cantos blogues, con atraso mas non quero deixar de facerlles un oco.

10 de setembro de 2009

O material escolar novo

Para min o mellor do comezo do curso sempre foi ir mercar o novo material para o ano. Os libros, as libretas, as pinturas, as mochilas... non todo se mudaba de cada vez pois sempre aproveitabas dun ano para outro algún material, ou herdabas libros do irmán, do primo, do veciño,... Mas o pouco (ou o moito) que tocaba mercar ese ano era todo un tesouro.



Os libros sempre foron o que máis ilusión daba, se eran novos encantábame abrilos e sentir aquel arrecendo a tinta, e se eran herdados tamén gostaba de abrilos, borrar o nome do anterior propietario e pór o meu, borrar os exercicios ou as declaracións de amor,... e recordo á miña nai escribindo o noso nome en papeliños para logo ilos pegando por dentro do forro transparente de xeito que o seguinte propietario puidera quitalos con facilidade para pór o seu nome.
E ver a pila de libros xa forrados, eran un montón! aínda podo sentir as bolboretas no estómago! que nervios e que ilusión todo o que íamos aprender! que interesante parecía todo! estaba xa desexando facer aquel experimento, ou ler aquel libro, ou... Creo que a ilusión nunca durou máis dun mes :(

Coñecer ó profesor (ou profesores) que che ían "tocar" ese ano tamén era unha parte moi importante e case sempre decepcionante ou mesmo aco...ngojante, porque hai que ver cos elementos que pode toparse un!! tiven un profesor que tratábamos de Don do que non recordo o nome mas podo ver a súa cara e o seu branco bigote perfectamente, que fumaba puros en clase, e falo de sexto ou sétimo de E.X.B.!

E os compañeiros! estaríamos xuntos un ano máis? quen me tocaría de compañeiro de mesa? Isto non daba tantos nervios, a pesar de que no meu primeiro ano do instituto tocoume nunha clase onde a metade eran repetidores ou "tripitidores". Podedes imaxinarvos o desenrolo das clases: un que lle intenta queimar o pelo á compañeira ou meterlle man á mestra, outro fumando na clase no fondo da aula,... e ollo que eu estudei nun dos mellores institutos da cidade.

Mas non todo foi malo, case cada mes vexo (vemos) á profe que me aprendeu a ler e falamos un ratiño e fala tamén coa miña pequenada e non sempre recorda ó máis pequeno mas sempre comenta fachendosa ás amigas que fun a súa alumna e eu síntome feliz de ter estudado con ela e tamén das aulas que tiñamos a sorte de ter co seu home (un coñecido pintor e belísima persoa).

Feliz volta (ou non) ó cole.

1 de setembro de 2009

Gardar as súas obras de arte I

Hai pouco Mama King facía un estupendo post no que partillaba as súas ideas sobre que facer coas obras de arte dos nosos pequenos e pensei partillar as miñas solucións para non perder as cousas tan bonitas que eles fan, sen deixar que nos invadan a casa :D

Por unha banda temos a exposición temporal no tendal, que xa saíra en varios post e que vai mudando de decoración cada pouco mas teño que dicirvos que sempre está cheo e non sempre dos seus debuxos, senón que ás veces serve para colgar os panos de xogar, pequenos xoguetes, etc.

Tamén almacenamos os seus debuxos, a idea deuma hai tempo María e dende aquela temos un pequeno libriño onde vou engadindo, previa perforación, algúns dos seus debuxos e que por certo gustan moito de mirar de cando en vez.

As manualidades tridimensionais xa son máis difíciles de gardar ser posuír un gran almacén :D así que só gardo algunhas e ás outras acostumo sacarlles fotos para telas de recordo do que fixeron.

Outro xeito orixinal de preservar as súas obras de arte e ademais lucilas, consiste en coselas na súa roupa. Xa vos ensinara hai tempo unha camiseta que bordara cun debuxo que fixera un dos meus pequenos e que tamén saíu noutro post. Daquela vez collín un debuxo e transferino a unha das súas camisetas mas desta vez dinlle a camiseta para que pintara directamente.


Despois simplemente bordeina e animada pola preciosidade que fixera Ana Paulina, púxenme a facer por primeira vez puntos novos de bordado e a cousa non ficou de todo mal :)

Namórame o debuxo! e unha Kitty co seu osiño de peluche.


E outro xeito de lucir as súas obras de arte, esta vez para enfeitar a casa, e facer istos penduricos que tanto poden estar pendurados dun cadro (que é como os temos agora na casa) como enfeitando unha lámpada, o pomo dunha porta, etc.


A cousa é doada de facer, como vedes non é máis que o debuxo recortado e cosido entre dúas follas de plástico, para coselo emprego fío de crochet dunha cor que non desentoen co debuxo. No de arriba engadinlle isos corazóns de cartolina e o de abaixo non se aprecia ben mas por unha banda está a torre e pola outra a princesa, que vai cosida á torre só nun punto.
Outro xeito de darlle ese toque de fogar ás nosas casas :)


E xa por último están os enfeites para a roupa, como os broches, mas isto está en proceso de ser cosido e xa volo ensinarei ;)

Agardo que vos gustara, vos como facedes? :)



LinkWithin

Related Posts with Thumbnails