11 de agosto de 2009

Pouch ou Baby sling

Pensaba que os pouches (ou baby slings) eran moi coñecidos no mundo das "nais canguros" e vou descubrindo que son os grandes descoñecidos a pesar da súa simplicidade e de que son dos máis doados de usar e rápidos de vestir.

A vista dende o pouch

Os pouches son portabebés con forma de tubo que se suxeitan sobre un ombreiro; entre as súas vantaxes destacaría que ocupa pouquísimo sitio, non pesa nada, ponse rapidamente sen ter que amarrar ou enganchar, é doado dar o peito con el posto e para as presumidas coma min, destacar a infinidade de modelos que ha :D Como desvantaxe salientar que van por talla e polo tanto é case imposível compartilo co home.

Xa vos contara dun xeito sinxelo de facer un pouch para os cativos (ou mesmo un pouch de emerxencia para vos) cunha camiseta, mas non é complicado coserse un pouch, na rede canguro atopades instrucións.

Eu agora mesmo uso un hotslings (co cal estou encantada) que merquei hai anos de segunda man, mas ha moita xente que os fai "caseiros", quizais a máis coñecida da península sexa Rosa Pomar

Que gocedes dando coliño vestindo aos vosos fillos!
Viva o
babywearing! :)

10 de agosto de 2009

Ruth Matilda Anderson

Que ninguén se perda a exposición de Ruth Matilda Anderson!

Coñecina hai cousa de 10 anos e quedei namorada das súas fotografías, aínda recordo unha meniña de ollos tristes cun balde metálico. Esta fotógrafa americana estivo por estas terras aló polos anos 20 e sacou unha chea de fermosas fotografías que podedes ir gozar na exposición de Lugo (detalles ó fin da post) ou agardar a que chegue a mostra á vosa cidade pois seica vai estar un ano por estas terras. O que non poida agardar que vaia abrindo o apetite no blogue de "Vivir Galicia".
Dando un coliño


Máis sobre ela en varios artigos de La Voz de Galicia:
Se podedes ir, ide! :)

Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano
Fundación Caixa Galicia Lugo
Do 2 de xullo até o 13 de setembro do 2009
Plaza de Santa María, s/n

EDITO: engadín algunhas das súas fotos ó meu Flickr para telas a man :)

8 de agosto de 2009

MathSphere

Non podo deixar de compartir con vos esta páxina para axudar ós nenos coas matemáticas: MathSphere porque ten unha sección de recursos de balde ben grande, eu aínda non fixen uso dela porque non me parece atractiva para os meus pequenos mas ós que tendes fillos máis grandes seica lle podedes sacar proveito.

Agardo que vos sexa útil.

7 de agosto de 2009

Debuxando sombras

As sombras gustan de facer trasnadas: as veces fanse xigantes, outras pequenas coma se alguén as estivese a pisar contra o chan e hai algunhas outras que mesmo voan ceibas como aconteceu coa sombra de Peter Pan.

E nós xogamos con elas coma fan todos os nenos, tentando fuxir delas, converténdoas en animais ou seres fantásticos e quen sabe cantas cousas máis! e aproveitando que saíu un pouquiño de sol puxémolas a posar.

Sacamos os xices de pintar no chan e alí posou até a bici!

Esa caixiña noutrora gardaba só a cor branca mas hoxe garda o arco da vella




6 de agosto de 2009

Por onde andamos

Pois remedando á Paula é que ven esta mensaxe :)
.......................................................................

Este mes temos estado varias veces na cidade de Ourense, algunhas veces sós e outras en grata compaña. Cóntovos o noso recorrido, adaptado sempre ós pequenos.

A primeira parada sempre foi no Parque de San Lázaro, onde os pequenos teñen dúas zoas de bambáns divididas segundo as súas idades e onde se pode estar fresco grazas á sombra da súa vexetación e a humidade que proporciona a fonte, e como hai terraciñas tamén podemos tomarnos "un algo".

Despois un pérdese pola súa fermosa zoa vella, luminosa, limpa, ben conservada,... e chega á Catedral, onde pode alegrar os ollos co fermosísimo Pórtico do Paraíso

A primeira vez que entrei na Catedral non sabía o que me esperaba dentro e atopeime con esta beleza, ficando namorada da súa policromía. Ese día non tiven sorte, era inverno e o día estaba escuro e como nesta catedral hai que pagar para acender as luces (as do pórtico, as da portada, as da capela do Cristo,...) e eu era estudante con pobres recursos, só a puiden admirar ás escuras. Desta vez houbo sorte e o sol brillaba dabondo para poder ve-lo ben (non así o resto das instalacións) .


Paga a pena ir a Ourense aínda que sexa só para pasar un ratiño no Paraíso.

Visita obrigada ás Burgas, despois montamos no tren que sae da Praza Maior e que fixo as delicias da pequenada e que nos levou até as termas de Outariz, onde os cativiños meteron os pés no Miño, precioso ó seu paso por Ourense.

31 de julho de 2009

As citas do mes: xullo-09

"Non é a carne e o sangue, senón o corazón o que nos fai pais e fillos.
J.C. Friedrich Schille

"Dar exemplo non é o principal xeito de influír sobre os demais, é o único xeito"
(Albert Einstein)

"A sociedade paga moi caro o abandono no que deixa aos seus fillos, como os pais que non educan aos seus"
(Concepción Arenal)

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails