30 de junho de 2009

Verán outonal

Adoro a miña terra, gústanme as súas xentes, a súa cor, o seu arrecendo, os seus sons,... O seu clima gústame a ratos :D gosto da choiva, aínda que cando ven acompañada de vento xa non tanto e esta é terra de choiva, grazas a ela temos esta preciosa cor verde e moreas de ríos e regatos e aínda que ás veces acaba coa nosa paciencia (como este ano, que leva chovido 9 de cada 10 días) con ela vivimos o día a día con normalidade e a ela temos que agradecerlle que haxa menos incendios, a pesar de que nos tire as peras.

O pío xa era da casa da miña aboa (na casa chamámoslle píos ás pías, sexan grandes ou pequenas), quen sabe cantos anos leva dando de beber ós animais?

Con todo e acompañados pola babuña, brincaron na máquina marabillosa que noutrora labrou a terra e que hoxe transfórmase nunha zorra ou nunha carroza


Recolleron as súas primeiras patacas, que crecen ceibas no noso cada día menos salvaxe xardín


E observamos os pequenos habitantes que moran con nós


As engurras son herdanza, adóroas! cando as vexo lembro as da miña avoa.

E tamén deu tempo a comezar novos proxectos, desta vez un pendurico principesco, co republicana que é unha!! :D

Non hai pior cego que o que non quere mirar

29 de junho de 2009

Muñekixus

Un novo anunciante substitúe a Crocheted Little Things, hoxe imos coñecer o traballo de Helena, portuguesa vivindo na Coruña. No seu blogue: Muñekixus podedes ver todo o que fai, traballa o feltro e outros tecidos e tamén pinta.

Podedes atopala tamén en Habitamos e mais en Artesanum

25 de junho de 2009

Summer time

Bueno, o de summer time é un dicer porque por aquí xa está a chover outra vez grrrrrrr

Non quería deixar de ensinarvos unha foto da cacharela á que fomos celebrar o san Xoán, como vedes aquí facemos as cacharelas ben grandes e só cando están un pouquiño queimadas é que se empezan a saltar.



E tamén vos quería ensinar o noso móbil adicado ó verán, está feito con caixas de cereais e lá. Para pintalo usamos témperas e ceras.



Penduran dos raios un parasol, unha bolboreta con outras máis pequenas e de cores dentro, un flotador, un xeado multisabor e un castelo de area cunha pluma a modo de bandeira, e nos raios de arriba carteliños coa palabra verán nas linguas que se escoitan máis na casa: galego, castelán e inglés.

24 de junho de 2009

Crocheted Little Things

Como vedes na columna da dereita, dende hai uns días un novo anunciante sustitúe a Mis Pañalitos, trátase de Crocheted Little Things, o proxecto creativo de Luisa, unha italiana cuns ollos preciosos que está a viver nos USA.

Luisa fai unhas cousas en crochet preciosas, a min encántanme as súas madalenas e as "esponxas" para o baño. Nós temos unha madalena que se abre e que queda preciosa pendurada nalgún tirador ou mesmo na árbore de Nadal, tamén poderían formar parte dun precioso calendario de advento pois en cada madalena podedes agochar pequenos tesouriños.

Podedes ver e mercar as cousas tan bonitas que fai na súa tenda etsy e tamén en Shop Handmade


Por certo, neste blogue están a sortear uns peúgos dela, por se queredes probar sorte ;)

23 de junho de 2009

Solsticio de verán

Hoxe é no hemisferio norte o día máis longo e a noite máis curta do ano, hoxe é noite de bruxas na Galiza, hoxe á noite ábrense as portas que comunican este mundo co Alén, esta é a noite máis máxica da Galiza.

Durante o día recóllense as herbas de san xoán que van ser deixadas nunha tina con auga para receber a bendición do orballo de san xoán e mañá pola mañán hanse lavar con esta auga todos os da casa, en especial os meniños, pois esta auga non só ten propriedades cosméticas senón tamén medicinais e máxicas.


Hoxe á noite non só se fan fogueiras que han ser saltadas tres veces berrando "meigas fora!", tamén é noite de troula. Os mociños levan as cancelas e non é raro ver ós veciños pola tardiña soldándoas para que non llas leven xunto co carro ou as bestas, eu teño visto un burro ou unha ovella aparecer pola mañá na rotonda de entrada a algunha cidade.

Tamén se comen sardiñas con cachelos ó calor da fogueira ou cacharela, á que se lle van tirar os móveis vellos (ou mesmo os apuntes do ano na versión máis moderna) como purificación.

Esta noite as mociñas botarán un ovo nun vaso de auga que deixarán baixo a cama e que á mañá seguinte desvelará a profesión do futuro marido, e aquelas mociñas que non conseguiron embarazarse vestirán un camisón branco e irán ás doce da noite a coller as nove ondas sobre o seu ventre na praia da Lanzada ou praia de Areas Longas, coñecida por todas as bruxas por ser lugar de celebración de akelarres.

Esta noite as fontes botan auga máxica e ó raiar o sol recóllese a frol da auga e pola mañán o sol baila no firmamento e con el todas as meigas do mundo, que xa estiveron de xuntanza co demo e botando meigallos.

Boa noite a todos!






Máis información en:

22 de junho de 2009

VERÁN

Estes días pasámolos na praia onde puidemos remollarnos a pesar da auga fría do Atlántico, andar polas rochas á procura de caranguexos para poder tocalos e deixar que nos fixeran cóxegas nas mans, atopar algún caranguexo ermitán, mirar andar os caracois de mar polo fondo da auga, caramuxos, algún escaravello despistado que farto tras ser pasado durante un bo rato de man en man deu un pequeno chancho ("pero non me doeu porque es pequeniño")... e como sempre fixemos un pequeno acuario efémero nos cubiños de cores que adornamos con algas, cunchiñas, area... e onde puidemos ver como nadan as pulgas da praia e deixar que pasaran por entre os nosos dediños.

Á volta apareceu algunha lapa na cesta da praia (xa dicía eu que cheiraba demasiado a "mar" :D) e tamén unha chea de tesouros que pasan a aumentar a nosa colección.




Tamén mudamos o enfeite da porta (teño que facer foto para ensinárvolo), e aproveitando as caixas de cereais fixemos un gran sol para anunciar a chegada do verán, falta por rematar os enfeites, polo de agora fixeron un flotador e bolboretas e teñen a medio facer un xeado, unha antuca ou parasol e quen sabe que mais!! :)


Agardo que vos tamén tiverades uns días cheos de sol e risas coma nós :)

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails