23 de junho de 2009

Solsticio de verán

Hoxe é no hemisferio norte o día máis longo e a noite máis curta do ano, hoxe é noite de bruxas na Galiza, hoxe á noite ábrense as portas que comunican este mundo co Alén, esta é a noite máis máxica da Galiza.

Durante o día recóllense as herbas de san xoán que van ser deixadas nunha tina con auga para receber a bendición do orballo de san xoán e mañá pola mañán hanse lavar con esta auga todos os da casa, en especial os meniños, pois esta auga non só ten propriedades cosméticas senón tamén medicinais e máxicas.


Hoxe á noite non só se fan fogueiras que han ser saltadas tres veces berrando "meigas fora!", tamén é noite de troula. Os mociños levan as cancelas e non é raro ver ós veciños pola tardiña soldándoas para que non llas leven xunto co carro ou as bestas, eu teño visto un burro ou unha ovella aparecer pola mañá na rotonda de entrada a algunha cidade.

Tamén se comen sardiñas con cachelos ó calor da fogueira ou cacharela, á que se lle van tirar os móveis vellos (ou mesmo os apuntes do ano na versión máis moderna) como purificación.

Esta noite as mociñas botarán un ovo nun vaso de auga que deixarán baixo a cama e que á mañá seguinte desvelará a profesión do futuro marido, e aquelas mociñas que non conseguiron embarazarse vestirán un camisón branco e irán ás doce da noite a coller as nove ondas sobre o seu ventre na praia da Lanzada ou praia de Areas Longas, coñecida por todas as bruxas por ser lugar de celebración de akelarres.

Esta noite as fontes botan auga máxica e ó raiar o sol recóllese a frol da auga e pola mañán o sol baila no firmamento e con el todas as meigas do mundo, que xa estiveron de xuntanza co demo e botando meigallos.

Boa noite a todos!






Máis información en:

22 de junho de 2009

VERÁN

Estes días pasámolos na praia onde puidemos remollarnos a pesar da auga fría do Atlántico, andar polas rochas á procura de caranguexos para poder tocalos e deixar que nos fixeran cóxegas nas mans, atopar algún caranguexo ermitán, mirar andar os caracois de mar polo fondo da auga, caramuxos, algún escaravello despistado que farto tras ser pasado durante un bo rato de man en man deu un pequeno chancho ("pero non me doeu porque es pequeniño")... e como sempre fixemos un pequeno acuario efémero nos cubiños de cores que adornamos con algas, cunchiñas, area... e onde puidemos ver como nadan as pulgas da praia e deixar que pasaran por entre os nosos dediños.

Á volta apareceu algunha lapa na cesta da praia (xa dicía eu que cheiraba demasiado a "mar" :D) e tamén unha chea de tesouros que pasan a aumentar a nosa colección.




Tamén mudamos o enfeite da porta (teño que facer foto para ensinárvolo), e aproveitando as caixas de cereais fixemos un gran sol para anunciar a chegada do verán, falta por rematar os enfeites, polo de agora fixeron un flotador e bolboretas e teñen a medio facer un xeado, unha antuca ou parasol e quen sabe que mais!! :)


Agardo que vos tamén tiverades uns días cheos de sol e risas coma nós :)

18 de junho de 2009

A selva de detrás da casa II

Xa vos teño falado outras veces da selva que teño no xardín, atopamos ras, lagartos arnais, píntegas, miñocas, avenoiteiras, escánceres, ... Mas coa descuberta de hoxe aínda me dura o mal corpo.

Na parte de diante temos unha billa onde xogan os meniños e onde istos días tiñamos unhas caixas con leña para que o pequeno non tentara baixar por aí ó xardín xa que hai unha boa baixada que aínda que ten unha pequena escaleira non está feita para os seus pequenos pés.

Pola mañá estiveron a xogar na billa, minutos antes de achala o bebé estivo a sacar leña das caixas para botala nun cubo grande con auga que temos baixo a billa (non hai que desperdiciar nin unha gota!) e cando o meu home foi retirar as caixas porque lle estamos a pór unha cancela apareceu ela

É (era a coitada) unha víbora común (vipera berus) ou víbora galega, unha das poucas serpes velenosas da península.

Estreméceseme o corpo cada vez que penso o cerquiña que estiveron os cativos dela, a coitada foi achar a morte na porta da nosa casa pois non tiñamos ningún trebello seguro para agarrala nin para trasladala e puido máis o medo de que nos mordera ou de que escapara e se agochara noutra parte do xardín (sobre todo isto) que a súa vida.

Dáme moita mágoa por ela e porque agora teño unha inquedanza cos meniños e o xardín que non volo podedes imaxinar, por isto a becha acabou co meu xardín salvaxe-asalvaxado ( ;) Pilar). Xa temos decidido eliminar vexetación e zoas húmidas (coitadas das ras e as píntegas!) que é onde se agochan estas víboras.

As que vivides do norte non estaría de máis que lle botarades un ollo á wikipedia ou aquí (para diferenciar as culebras das víboras) e que vos informarades ou incluso tiverades na casa un papeliño coa identificación das serpes velenosas da vosa zoa e a forma de actuar de se producir a mordida.


15 de junho de 2009

12 de junho de 2009

Diario dunha muller sinxela

Diario de hoxe 12 de xuño:

Se miro pola xanela... hoxe por fin loce o sol e fai calor!!

Estou a pensar... en que temos unha festa de cumpreanos esta fin de semana e que espero non sexamos "medidos e pesados", tamén espero que non lles pregunten ós peques se van á escola, ultimamente din que si :( non queren sentirse distintos. Dáme moita mágoa, co enchidos que respostaban que non ían á escola... :(

Dentro das cousas que aprendemos, hoxe... fomos ós bambáns (columpios marvan hahaha) e disfrazados!! e eu pensaba mentras disfrutábamos do solciño que esta era unha fantástica razón de por que educamos na casa :D

Síntome agradecida por... o sol!! fai sol por fin!!

Das cousas de comer salientar... acabo de comerme o derradeiro anaquiño de pastel de queixo que quedaba na neveira, gústame comer algo doce despois de comer. Vale, recoñezo que dous horas máis tarde tamén gosto de comer algo doce, e á cena e ... i é que son unha larpeira :D

Teño posto... Hoxe dúas versións, a curta:
uns pantalóns vaqueiros e unha blusa estampada.

E a larga hahahaha (o meu non é normal :DDDDD ):
levo os mesmos vaqueiros que a última vez e unha blusiña de cor branco roto, cun estampado floral en tons azuis, amarelos e verdes, pero clariños, case pasteis, despois unha pulseira de deseño danés que me regalou o meu amorciño hai anos que vos ía encantar, chea de cores, brillos,... e cunha base tipo bronce que vai a xogo cos pendentes (de Stradivarius) da mesma "cor" e que son moi longos (gosto moito dos pendentes longos).

Ala, a primeira parte como a facedes vos (que non vale ser tan "escueta") e a segunda para que pensedes que vou "ideal de la muerte" porque escrito soa moi ben pero en realidade vou normaliña de todo :)

Estou a ler... esta semana estiven a ollar na "sala de lectura" un libro do ano catapún chispún sobre actividades da natureza que trouxo o meu home. Nel aprendes a facer cabanas, distintos tipos de lumes, cociñar sen cazos,... todo moi útil para a vida moderna XDDDDDDDDDDD

O que espero... por diosssssssss que dure o sol máis dos 2 días que prevé o home do tempo (ou hai unha revolta no frenopático! hehehe)

Estou a crear... unha sorpresiña para vos shhhhhhhhhhhhhh!

Estou a escoitar... shhhhhhhhh é a hora da sesta outra vez, aínda que teño a Kortatu baixiiiiiiiiiño shhhhhhhhhhhhhhhhh (empecei coa canción de arriba ó buscala pra vos e xa fun encadenando, cómo pasa o tempo!)

Por toda a casa... non quero nin mirar!!

Unha das miñas cousas favoritas e cantar cancións de cando era "nova" pero en alto moi alto, non é que eu cante ben mas cantar énchete a alma.

Algúns plans para o resto da semana... ir á festa de cumpreanos que vos contei antes e a ver se imos tamén a pasar a tarde á casa duns amigos que nola queren ensinar (Dilaida, se les isto... ese "nola" escrébese así? ains!)

Unha foto para compartir:
"A lúa está soñando que es una cuna"



Na miña vida atopara unha poesía tan fermosa como esta.



(Nótese o progresivo abandono dunha lingua en mans doutra, a "oprimida")

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails