30 de setembro de 2009

Outono primaveral

Aproveitando o calor que fixo estes días atrás e coa escusa de que non había quen aturara no sol, fomos limpar unha leiriña que temos pola que pasa un regatiño.

Os "maiores" pasámolo bomba limpando o "río" de follas, pólas e demais, berrándonos un ó outro: "olla qué rápido baixa agora a auga!" i é que non temos sentidiño ningún XD. Eu ademais fiquei co sorriso parvo e a ledicia dun pirata que recén ven de atopar un tesouro, cando vin os fentos reais que medran na beira do regato i é que este fento leva na terra dende hai máis de 60 millóns de anos! Estades a ver o mesmo que miraban os dinosauros, non é incrível? A primeira vez que os vin, nas Gándaras de Budiño, era unha cativa e esta foi a miña segunda vez e fico igual de marabillada que daquela.


Na foto non se aprecia mas cada "pola" ten uns 100cm.

Os pequenos, sen dúbida por influencia dos fentos, retrocederon uns cantos millóns de anos e fixeron arte como os seus primitivos antepasados.


Non quero nin imaxinar a cara do veciño cando vexa en que se converteu o marco! XD
E pódese intuír a importancia que teñen na Galiza estas pedras se temos en conta a cantidade de nomes que teñen: extremas, espetos, lindes,... Engades algún máis á lista? :)

. . . . .
Bego engade:
"Os marcos (na miña terra así se coñecen) tamén se poden chamar derregos/as e cómaros.
. . . . .

E no xardín seguimos a atopar habitantes, como esta lambona de case 2cm, que tivemos que retirar pois fixo a súa mega-tea de araña nun camiño de paso.


Ou esta cucadiña que estaba atrapada no cubo que temos baixo a billa e que non sei que é, seica unha cría de lagarto arnao (ou lagarto das silvas)?

Por certo, conteivos que hai varias semanas escoitamos ouvear o lobo? Foi de noite, lonxe, nos montes, e cando o penso aínda me volvo emocionar, mistura de medo e ledicia.

E collendo poliñas da vimbieira para o proxecto semanal, atopamos a este outro disfrazado :)



E hoxe tamén estou en Infantil: Aprender es fácil

As citas do mes: setembro do 2009

"Senta-te ao sol. Abdica
E sê rei de ti próprio."
(Ricardo Reis)

"A educación consiste en aprenderlle ós homes non o que deben pensar, senón a pensar."
(Calvin Coolidge)

"O que se fai agora cos meniños é o que eles farán despois con a sociedade."
(Karl Mannheim)

29 de setembro de 2009

Por onde andamos II

Hai dúas cidades na Península que me teñen roubado o corazón. Unha é Lisboa, da que teño unhas saudades terríveis pois xa ha máis de dous anos que non a visito e a outra é a miña Compostela bonita, é entrar nela e por-se o corazón a latexar como se fora un namorado rozado polos beizos amados.

Foi unha visita demasiado rápida mas non faltou unha sentadiña con tetada incluída XD, nas escaleiras que separan a Quintana dos vivos da Quintana dos mortos. Lugar imprescindível para ver pasar o mundo no limbo que son as escaleiras.


E unha visita ó Obradoiro


Onde puidemos sentir a luz dos peregrinos e os seus pés cansos.


E fundirnos con eles e sentir o latexar da praza recostándonos no chan ollando para arriba para sentir a grandiosidade da catedral.

E a esto chámanlle aprender


22 de setembro de 2009

Catro

Xa nin recordo cando foi o derradeiro post mistura destes que me dan por facer de cando en vez :) Teño tantas cousas por compartir e tan pouco tempo... mas aí van só catro cousiñas, outro día máis :) que as disfrutedes!


1- Novas familias para engadir á comunidade homeschooler en castelán:

2- Un boneco que me ten namorada, chámase Simon, non deixedes de ir ve-lo enteiro, encántame a súa fraxilidade.



3- Un muro dos desexos, que algún día farei (non parece compricado mas se non vos vedes capaces sempre o podedes mercar, este é de UnCommon Goods e vinno e Playful Learning (un blogue con recursos para o ensino en familia moi bo).


4- Biblioteca Digital Mundial, ide e marabilládevos :)

21 de setembro de 2009

A versión caseira das "... cornubianitas, Gutierrez que le veo..."

O "Doctor Mateo" e o homeschooling

Onte vin de casualidade un capítulo dunha serie de produción española que botan en Antena 3 e que polo visto é exitosa (non vos podo dar moitos dados porque nunca a vira) que lle chaman "Doctor Mateo" e cal sería a miña sorpresa cando na serie abordan o tema do ensino en familia :O. Está visto que xa somos unha realidade social e comezan a falar de nós en tódolos ámbitos.

A serie vai dun doutor (o tal Mateo) que era un prestixioso cirurxián en Nova Iorque e que deixa a cirurxía para converterse en médico rural en Asturias. Neste capítulo (CAPÍTULO 3 - Segunda Temporada) están preocupados porque un dos nenos abandona a escola por ir viver noutro sitio e como son tan poucos perderán a escola mas... chega unha familia nova ó pobo!

Eu agardo que vos riades (por favor!) porque temos que recoñecer que un pouco raros si que somos: porque non nos deixamos levar pola corrente e damos algunhas brazadas contra dela, porque vivimos como queremos sen preocuparnos do que se espera de nós socialmente, porque nos preocupa o que comemos a pesar da súa legalidade, porque tratamos ós fillos con respecto, etc. e na serie, que a fin de contas é unha comedia, fixeron unha caricatura, así que non quero tristuras, rídevos! é bo rirse dun mesmo :) Ademais, abordan moi respectuosamente o tema da alegalidade do ensino en familia ;)

(Incluíno tamén baixo a etiqueta de "legalidade" porque creo que facer visíbel o homeschooling é outro paso máis para conseguir que legalicen esta opción educativa).

20 de setembro de 2009

Comezamos cos proxectos semanais :)

Pois xa estamos organizados (mentira cochina pero seica ó escribilo e pensalo e imaxinalo igual se fai realidade :D) e comezamos cos proxectos.



Quérovos facer unha consulta sobre o tempo para facer os proxectos porque o "curso pasado" houbo quen me pediu que o fixéramos quincenalmente porque non tiña tempo de preparar/pensar/realizar algo todas as semanas, así que como os vosos desexos son ordes para min... aí tedes a enquisa :D

O tema desta semana non podía ser outro, agardo que me perdoen as do hemisferio sur.



Palabra clave desta semana: OUTONO (otoño)

Caixa de ler II

A nosa caixa de ler incorpora novo material, trátase dunhas pequenas tarxetas plastificadas que fixen hai días (xa sabedes que as imaxes as procuro no google imaxes) e están compostas por unha banda da representación gráfica e pola outra da representación escrita.

Polo de agora só hai palabras de 2, 3 ou 4 letras e o "xogo" consiste en agrupar cada palabra co seu debuxo, mais xa estou pensando en sacarlle rendemento dándolle outras funcións (agrupacións por seres vivos ou inertes, por partes do corpo, por animais, etc.)



Vos como aprendedes a ler aos pequenos? gustaría moito de escoitar como o fixerdes ou facedes, ando falta de ideas (ademais de tempo).


EDITO:
Engado unhas ligazóns que atopei cunha cousa moi semellante, seica sego os pasos de María Montessori sen sabelo :O

18 de setembro de 2009

A rutina diaria

Hai uns días vin unhas fermosas tarxetas sobre as rutinas diarias en Living Locurto e servíronme de inspiración para facer as nosas proprias.
E xa aproveitando pois pedinvos axuda a algunhas de vos (graciñas Madalen e Sandra) para facer a tradución ao éuscaro e mais ao catalán por se alguén as quere empregar, por certo admítense peticións para linguas minoritarias e/ou minorizadas hehehe.

Eu impriminas nun folio de cor amarelo e despois de colalas no sempiterno cartón de caixa de cereais, corteinas coa nosa nova guillotina do "Lidel".

*** * ***
Como xa me preguntáchedes varias, respóstovos por aquí :)
Agardo empezar cos proxectos semanais en outubro en canto a nosa rutina estea plenamente estabelecida porque polo de agora non chegaríamos e non sei que me da que empecedes sen nós :D
*** * ***

Hoxe tamén ando por Infantil: Aprender es fácil

14 de setembro de 2009

Por aquí ando

Teño tan abandonado o blogue! i é que ultimamente non sei onde van as horas mas sospeito que andan todas voando camiño de "Nunca Jamás", en todo caso prometo ir respostando aos vosos e-mails :)

As novidades blogueiras son que voltamos saír varias veces no ABC&123 e polo tanto xa facemos parte do seu apartado de colaboradores e síntome taaaan contenta, cando penso que houbo quen me dixo que como o meu blogue era en galego non chegaría a ninguén... E tamén saímos no "The Crafty Crow" hai un par de días, se non coñecedes esa fantástica páxina xa estades tardando en ir pois é unha estupenda recompilación de actividades para facer cos nenos. E xa para rematar a miña ledicia blogueira, a nosa Jacqueline invítame vía Carmiña a participar no seu novo blogue: Infantil - Aprender es fácil e eu marabíllome por todos estos agasallos e fico sen palabras, quen me ía dicer que acontecería todo isto hai un ano? quen me ía dicer que atoparía con xente tan marabillosa grazas ó blogue?
Grazas por acompañarme e arrincarme estos sorrisos, grazas por facerme sentir "importante" :)

Tamén foron pasando varias tendas pola miña coluna, espero que visitarades as creacións tan preciosas que fai a Lídia de Eco Jóias, a verdade e que eu non sabía que había sementes tan belas :) e agora anda por aquí RJ Charms que fai unhas cousas moi orixinais tamén, eu teño un colgantiño en prata e azul que fai as delicias da rapazada, que sempre tenta abrir e pechar as tesoiras (o meu coas tesoiras xa parece unha obsesión XD) e que escollín porque me pareceu tan "crafty"... :)

E falando de "craftear" (Marvan mátame!), o meu derradeiro proxecto rematado é unha coroa de feltro. Empreguei o patrón de Koala brains, mas como vedes non pechei a coroa coa típica goma forrada de tea que é o que soe empregar todo o mundo, senón que a miña vai cunha diadema do "todo a 100" (a falta de goma agudiza o inxenio hahaha).



E uns cantos blogues, con atraso mas non quero deixar de facerlles un oco.

10 de setembro de 2009

O material escolar novo

Para min o mellor do comezo do curso sempre foi ir mercar o novo material para o ano. Os libros, as libretas, as pinturas, as mochilas... non todo se mudaba de cada vez pois sempre aproveitabas dun ano para outro algún material, ou herdabas libros do irmán, do primo, do veciño,... Mas o pouco (ou o moito) que tocaba mercar ese ano era todo un tesouro.



Os libros sempre foron o que máis ilusión daba, se eran novos encantábame abrilos e sentir aquel arrecendo a tinta, e se eran herdados tamén gostaba de abrilos, borrar o nome do anterior propietario e pór o meu, borrar os exercicios ou as declaracións de amor,... e recordo á miña nai escribindo o noso nome en papeliños para logo ilos pegando por dentro do forro transparente de xeito que o seguinte propietario puidera quitalos con facilidade para pór o seu nome.
E ver a pila de libros xa forrados, eran un montón! aínda podo sentir as bolboretas no estómago! que nervios e que ilusión todo o que íamos aprender! que interesante parecía todo! estaba xa desexando facer aquel experimento, ou ler aquel libro, ou... Creo que a ilusión nunca durou máis dun mes :(

Coñecer ó profesor (ou profesores) que che ían "tocar" ese ano tamén era unha parte moi importante e case sempre decepcionante ou mesmo aco...ngojante, porque hai que ver cos elementos que pode toparse un!! tiven un profesor que tratábamos de Don do que non recordo o nome mas podo ver a súa cara e o seu branco bigote perfectamente, que fumaba puros en clase, e falo de sexto ou sétimo de E.X.B.!

E os compañeiros! estaríamos xuntos un ano máis? quen me tocaría de compañeiro de mesa? Isto non daba tantos nervios, a pesar de que no meu primeiro ano do instituto tocoume nunha clase onde a metade eran repetidores ou "tripitidores". Podedes imaxinarvos o desenrolo das clases: un que lle intenta queimar o pelo á compañeira ou meterlle man á mestra, outro fumando na clase no fondo da aula,... e ollo que eu estudei nun dos mellores institutos da cidade.

Mas non todo foi malo, case cada mes vexo (vemos) á profe que me aprendeu a ler e falamos un ratiño e fala tamén coa miña pequenada e non sempre recorda ó máis pequeno mas sempre comenta fachendosa ás amigas que fun a súa alumna e eu síntome feliz de ter estudado con ela e tamén das aulas que tiñamos a sorte de ter co seu home (un coñecido pintor e belísima persoa).

Feliz volta (ou non) ó cole.

1 de setembro de 2009

Gardar as súas obras de arte I

Hai pouco Mama King facía un estupendo post no que partillaba as súas ideas sobre que facer coas obras de arte dos nosos pequenos e pensei partillar as miñas solucións para non perder as cousas tan bonitas que eles fan, sen deixar que nos invadan a casa :D

Por unha banda temos a exposición temporal no tendal, que xa saíra en varios post e que vai mudando de decoración cada pouco mas teño que dicirvos que sempre está cheo e non sempre dos seus debuxos, senón que ás veces serve para colgar os panos de xogar, pequenos xoguetes, etc.

Tamén almacenamos os seus debuxos, a idea deuma hai tempo María e dende aquela temos un pequeno libriño onde vou engadindo, previa perforación, algúns dos seus debuxos e que por certo gustan moito de mirar de cando en vez.

As manualidades tridimensionais xa son máis difíciles de gardar ser posuír un gran almacén :D así que só gardo algunhas e ás outras acostumo sacarlles fotos para telas de recordo do que fixeron.

Outro xeito orixinal de preservar as súas obras de arte e ademais lucilas, consiste en coselas na súa roupa. Xa vos ensinara hai tempo unha camiseta que bordara cun debuxo que fixera un dos meus pequenos e que tamén saíu noutro post. Daquela vez collín un debuxo e transferino a unha das súas camisetas mas desta vez dinlle a camiseta para que pintara directamente.


Despois simplemente bordeina e animada pola preciosidade que fixera Ana Paulina, púxenme a facer por primeira vez puntos novos de bordado e a cousa non ficou de todo mal :)

Namórame o debuxo! e unha Kitty co seu osiño de peluche.


E outro xeito de lucir as súas obras de arte, esta vez para enfeitar a casa, e facer istos penduricos que tanto poden estar pendurados dun cadro (que é como os temos agora na casa) como enfeitando unha lámpada, o pomo dunha porta, etc.


A cousa é doada de facer, como vedes non é máis que o debuxo recortado e cosido entre dúas follas de plástico, para coselo emprego fío de crochet dunha cor que non desentoen co debuxo. No de arriba engadinlle isos corazóns de cartolina e o de abaixo non se aprecia ben mas por unha banda está a torre e pola outra a princesa, que vai cosida á torre só nun punto.
Outro xeito de darlle ese toque de fogar ás nosas casas :)


E xa por último están os enfeites para a roupa, como os broches, mas isto está en proceso de ser cosido e xa volo ensinarei ;)

Agardo que vos gustara, vos como facedes? :)