30 de junho de 2009

Verán outonal

Adoro a miña terra, gústanme as súas xentes, a súa cor, o seu arrecendo, os seus sons,... O seu clima gústame a ratos :D gosto da choiva, aínda que cando ven acompañada de vento xa non tanto e esta é terra de choiva, grazas a ela temos esta preciosa cor verde e moreas de ríos e regatos e aínda que ás veces acaba coa nosa paciencia (como este ano, que leva chovido 9 de cada 10 días) con ela vivimos o día a día con normalidade e a ela temos que agradecerlle que haxa menos incendios, a pesar de que nos tire as peras.

O pío xa era da casa da miña aboa (na casa chamámoslle píos ás pías, sexan grandes ou pequenas), quen sabe cantos anos leva dando de beber ós animais?

Con todo e acompañados pola babuña, brincaron na máquina marabillosa que noutrora labrou a terra e que hoxe transfórmase nunha zorra ou nunha carroza


Recolleron as súas primeiras patacas, que crecen ceibas no noso cada día menos salvaxe xardín


E observamos os pequenos habitantes que moran con nós


As engurras son herdanza, adóroas! cando as vexo lembro as da miña avoa.

E tamén deu tempo a comezar novos proxectos, desta vez un pendurico principesco, co republicana que é unha!! :D

Non hai pior cego que o que non quere mirar

29 de junho de 2009

Muñekixus

Un novo anunciante substitúe a Crocheted Little Things, hoxe imos coñecer o traballo de Helena, portuguesa vivindo na Coruña. No seu blogue: Muñekixus podedes ver todo o que fai, traballa o feltro e outros tecidos e tamén pinta.

Podedes atopala tamén en Habitamos e mais en Artesanum

25 de junho de 2009

Summer time

Bueno, o de summer time é un dicer porque por aquí xa está a chover outra vez grrrrrrr

Non quería deixar de ensinarvos unha foto da cacharela á que fomos celebrar o san Xoán, como vedes aquí facemos as cacharelas ben grandes e só cando están un pouquiño queimadas é que se empezan a saltar.



E tamén vos quería ensinar o noso móbil adicado ó verán, está feito con caixas de cereais e lá. Para pintalo usamos témperas e ceras.



Penduran dos raios un parasol, unha bolboreta con outras máis pequenas e de cores dentro, un flotador, un xeado multisabor e un castelo de area cunha pluma a modo de bandeira, e nos raios de arriba carteliños coa palabra verán nas linguas que se escoitan máis na casa: galego, castelán e inglés.

24 de junho de 2009

Crocheted Little Things

Como vedes na columna da dereita, dende hai uns días un novo anunciante sustitúe a Mis Pañalitos, trátase de Crocheted Little Things, o proxecto creativo de Luisa, unha italiana cuns ollos preciosos que está a viver nos USA.

Luisa fai unhas cousas en crochet preciosas, a min encántanme as súas madalenas e as "esponxas" para o baño. Nós temos unha madalena que se abre e que queda preciosa pendurada nalgún tirador ou mesmo na árbore de Nadal, tamén poderían formar parte dun precioso calendario de advento pois en cada madalena podedes agochar pequenos tesouriños.

Podedes ver e mercar as cousas tan bonitas que fai na súa tenda etsy e tamén en Shop Handmade


Por certo, neste blogue están a sortear uns peúgos dela, por se queredes probar sorte ;)

23 de junho de 2009

Solsticio de verán

Hoxe é no hemisferio norte o día máis longo e a noite máis curta do ano, hoxe é noite de bruxas na Galiza, hoxe á noite ábrense as portas que comunican este mundo co Alén, esta é a noite máis máxica da Galiza.

Durante o día recóllense as herbas de san xoán que van ser deixadas nunha tina con auga para receber a bendición do orballo de san xoán e mañá pola mañán hanse lavar con esta auga todos os da casa, en especial os meniños, pois esta auga non só ten propriedades cosméticas senón tamén medicinais e máxicas.


Hoxe á noite non só se fan fogueiras que han ser saltadas tres veces berrando "meigas fora!", tamén é noite de troula. Os mociños levan as cancelas e non é raro ver ós veciños pola tardiña soldándoas para que non llas leven xunto co carro ou as bestas, eu teño visto un burro ou unha ovella aparecer pola mañá na rotonda de entrada a algunha cidade.

Tamén se comen sardiñas con cachelos ó calor da fogueira ou cacharela, á que se lle van tirar os móveis vellos (ou mesmo os apuntes do ano na versión máis moderna) como purificación.

Esta noite as mociñas botarán un ovo nun vaso de auga que deixarán baixo a cama e que á mañá seguinte desvelará a profesión do futuro marido, e aquelas mociñas que non conseguiron embarazarse vestirán un camisón branco e irán ás doce da noite a coller as nove ondas sobre o seu ventre na praia da Lanzada ou praia de Areas Longas, coñecida por todas as bruxas por ser lugar de celebración de akelarres.

Esta noite as fontes botan auga máxica e ó raiar o sol recóllese a frol da auga e pola mañán o sol baila no firmamento e con el todas as meigas do mundo, que xa estiveron de xuntanza co demo e botando meigallos.

Boa noite a todos!






Máis información en:

22 de junho de 2009

VERÁN

Estes días pasámolos na praia onde puidemos remollarnos a pesar da auga fría do Atlántico, andar polas rochas á procura de caranguexos para poder tocalos e deixar que nos fixeran cóxegas nas mans, atopar algún caranguexo ermitán, mirar andar os caracois de mar polo fondo da auga, caramuxos, algún escaravello despistado que farto tras ser pasado durante un bo rato de man en man deu un pequeno chancho ("pero non me doeu porque es pequeniño")... e como sempre fixemos un pequeno acuario efémero nos cubiños de cores que adornamos con algas, cunchiñas, area... e onde puidemos ver como nadan as pulgas da praia e deixar que pasaran por entre os nosos dediños.

Á volta apareceu algunha lapa na cesta da praia (xa dicía eu que cheiraba demasiado a "mar" :D) e tamén unha chea de tesouros que pasan a aumentar a nosa colección.




Tamén mudamos o enfeite da porta (teño que facer foto para ensinárvolo), e aproveitando as caixas de cereais fixemos un gran sol para anunciar a chegada do verán, falta por rematar os enfeites, polo de agora fixeron un flotador e bolboretas e teñen a medio facer un xeado, unha antuca ou parasol e quen sabe que mais!! :)


Agardo que vos tamén tiverades uns días cheos de sol e risas coma nós :)

18 de junho de 2009

A selva de detrás da casa II

Xa vos teño falado outras veces da selva que teño no xardín, atopamos ras, lagartos arnais, píntegas, miñocas, avenoiteiras, escánceres, ... Mas coa descuberta de hoxe aínda me dura o mal corpo.

Na parte de diante temos unha billa onde xogan os meniños e onde istos días tiñamos unhas caixas con leña para que o pequeno non tentara baixar por aí ó xardín xa que hai unha boa baixada que aínda que ten unha pequena escaleira non está feita para os seus pequenos pés.

Pola mañá estiveron a xogar na billa, minutos antes de achala o bebé estivo a sacar leña das caixas para botala nun cubo grande con auga que temos baixo a billa (non hai que desperdiciar nin unha gota!) e cando o meu home foi retirar as caixas porque lle estamos a pór unha cancela apareceu ela

É (era a coitada) unha víbora común (vipera berus) ou víbora galega, unha das poucas serpes velenosas da península.

Estreméceseme o corpo cada vez que penso o cerquiña que estiveron os cativos dela, a coitada foi achar a morte na porta da nosa casa pois non tiñamos ningún trebello seguro para agarrala nin para trasladala e puido máis o medo de que nos mordera ou de que escapara e se agochara noutra parte do xardín (sobre todo isto) que a súa vida.

Dáme moita mágoa por ela e porque agora teño unha inquedanza cos meniños e o xardín que non volo podedes imaxinar, por isto a becha acabou co meu xardín salvaxe-asalvaxado ( ;) Pilar). Xa temos decidido eliminar vexetación e zoas húmidas (coitadas das ras e as píntegas!) que é onde se agochan estas víboras.

As que vivides do norte non estaría de máis que lle botarades un ollo á wikipedia ou aquí (para diferenciar as culebras das víboras) e que vos informarades ou incluso tiverades na casa un papeliño coa identificación das serpes velenosas da vosa zoa e a forma de actuar de se producir a mordida.


15 de junho de 2009

Para Ipe

Veña, un adianto do chamado post nostálxico XDDDDDDDDD
Isto tenche que servir Carmiña :)

12 de junho de 2009

Diario dunha muller sinxela

Diario de hoxe 12 de xuño:

Se miro pola xanela... hoxe por fin loce o sol e fai calor!!

Estou a pensar... en que temos unha festa de cumpreanos esta fin de semana e que espero non sexamos "medidos e pesados", tamén espero que non lles pregunten ós peques se van á escola, ultimamente din que si :( non queren sentirse distintos. Dáme moita mágoa, co enchidos que respostaban que non ían á escola... :(

Dentro das cousas que aprendemos, hoxe... fomos ós bambáns (columpios marvan hahaha) e disfrazados!! e eu pensaba mentras disfrutábamos do solciño que esta era unha fantástica razón de por que educamos na casa :D

Síntome agradecida por... o sol!! fai sol por fin!!

Das cousas de comer salientar... acabo de comerme o derradeiro anaquiño de pastel de queixo que quedaba na neveira, gústame comer algo doce despois de comer. Vale, recoñezo que dous horas máis tarde tamén gosto de comer algo doce, e á cena e ... i é que son unha larpeira :D

Teño posto... Hoxe dúas versións, a curta:
uns pantalóns vaqueiros e unha blusa estampada.

E a larga hahahaha (o meu non é normal :DDDDD ):
levo os mesmos vaqueiros que a última vez e unha blusiña de cor branco roto, cun estampado floral en tons azuis, amarelos e verdes, pero clariños, case pasteis, despois unha pulseira de deseño danés que me regalou o meu amorciño hai anos que vos ía encantar, chea de cores, brillos,... e cunha base tipo bronce que vai a xogo cos pendentes (de Stradivarius) da mesma "cor" e que son moi longos (gosto moito dos pendentes longos).

Ala, a primeira parte como a facedes vos (que non vale ser tan "escueta") e a segunda para que pensedes que vou "ideal de la muerte" porque escrito soa moi ben pero en realidade vou normaliña de todo :)

Estou a ler... esta semana estiven a ollar na "sala de lectura" un libro do ano catapún chispún sobre actividades da natureza que trouxo o meu home. Nel aprendes a facer cabanas, distintos tipos de lumes, cociñar sen cazos,... todo moi útil para a vida moderna XDDDDDDDDDDD

O que espero... por diosssssssss que dure o sol máis dos 2 días que prevé o home do tempo (ou hai unha revolta no frenopático! hehehe)

Estou a crear... unha sorpresiña para vos shhhhhhhhhhhhhh!

Estou a escoitar... shhhhhhhhh é a hora da sesta outra vez, aínda que teño a Kortatu baixiiiiiiiiiño shhhhhhhhhhhhhhhhh (empecei coa canción de arriba ó buscala pra vos e xa fun encadenando, cómo pasa o tempo!)

Por toda a casa... non quero nin mirar!!

Unha das miñas cousas favoritas e cantar cancións de cando era "nova" pero en alto moi alto, non é que eu cante ben mas cantar énchete a alma.

Algúns plans para o resto da semana... ir á festa de cumpreanos que vos contei antes e a ver se imos tamén a pasar a tarde á casa duns amigos que nola queren ensinar (Dilaida, se les isto... ese "nola" escrébese así? ains!)

Unha foto para compartir:
"A lúa está soñando que es una cuna"



Na miña vida atopara unha poesía tan fermosa como esta.



(Nótese o progresivo abandono dunha lingua en mans doutra, a "oprimida")

10 de junho de 2009

Participantes do proxecto semanal: CORREO

A familia dos tartarouchos


Adivina cuánto te quiero


Alzar el vuelo


Cuatro en familia


Cuatro en la cama


Dálle un coliño


Mirando hacia el futuro


Orca: Observar, Recordar, Crecer y Aprender


Un desert a casa


Una planta de naranja lima




O proxecto semanal fica en suspenso até a volta das vacacións.

Proxecto semanal correo

Estaba á espera a ver se alguén máis se animaba co derradeiro proxecto semanal até a volta do verán (si é que a isto se lle pode chamar verán grrrrrrrr) antes de fechar co meu, así que aquí vai

Na casa xogaron ós carteiros, un ficaba nunha habitación e outro ía repartindo o correo de porta en porta coa súa bolsa.

Ben, o reparto non se limitaba a cartas, o noso carteiro tamén repartía tarxetas de cores :)
O mellor era o timbre e a voz afectada preguntando "quen é?" :DDDDD

Eu aproveitei e fíxenlles unha caixa para o correo que hai tempo que viña con ganas de facer, aínda que finalmente o resultado non me deixou moi satisfeita cumprirá a súa función.

8 de junho de 2009

Serpes de botóns

Maruxa é unha serpe botoeira común, está triste pois perdeu as súas escamas e anda á procura de voluntarios que llas volvan poñer :)


E así comeza o conto que lles vai levar a traballar a motricidade fina de xeito divertido. As serpes botoeiras ou button snake son un recurso Montessori doado e barato de facer. Na ligazón anterior tedes outras alternativas moito máis sinxelas de facer mas eu preferín darlle un pouco máis de vida e o colgantiño-lingua fai que sexa máis doado de almacenar e ter dispoñível.


Este exercicio non leva máis de 10 minutos e non se fai aburrido, podedes ofrecerlles cadriños de distintas cores e texturas como eu fixen, ou mesmo darlles forma de pantalóns, camisas, etc.

7 de junho de 2009

Madalenas de Nutella

Hai tempo coñecín esta receita no blogue de Azu de Inspiración y objetivos, e como dixo ela daquela tedes que facelas ou enfádome!! :DDDDDDD Están boísimas!!


MADALENAS DE NUTELLA

Ingredientes para 12 madalenas:
10 culleradas de manteiga
3/4 de cunca de azucre
3 ovos grandes a temperatura ambiente
1/2 culleriña de esencia de vainilla
1 e 3/4 de cuncas de fariña
1/4 de culleriña de sal
2 culleriñas de po de enfornar (tipo levadura Royal)
12 culleriñas de Nutella (1 por cada madalena)


Preparación:
Cun batedor bátense a manteiga e o azucre ata que que a mestura estea cremosa. Logo engádense os ovos e a vainilla e continuase a bater. Por último a fariña, mestúranse aparte o sal e o po de enfornar e engádense.

Nos moldes para madalenas agrégase unha cullerada grande da mestura en cada un sen enchelo de todo, un pouquiño máis da metade. Logo engádese a cada molde unha culleriña de Nutella e coa axuda dun escarvadentes reméxese un pouco a Nutella coa mestura da superficie.

Lévanse ó forno por 20 ou 25 minutos ou ata que ao introducir un escarvadentes saia limpo. Ao sacalas do forno déixanse arrefriar sobre unha reixa e listo!!!!

Xa me contaredes ;)

6 de junho de 2009

Ilustracións para dar cor

Hoxe chegaron a casa unha láminas para dar cor da ilustradora Jennifer L Nilsson e non duraron impolutas nin 5 minutos, lanzáronse sobre elas cargados de ceras e lapis de cores dispostos a darlles cor e vida.
Veña vai, confeso que eu tamén collín algunha cera. Dende nena encántame colorear, é moi relaxante, namentres pintas a mente voa ceibada de preocupacións e ós nenos axúdalles a traballar a concentración agora que seica todos son hiperactivos :P


Recordades a camiseta non si?

Eu tiña pensado empregar algunha como patrón para bordar mas non me deron tempo mas que a desempacalos! e ahí os tedes pendurados do noso tendal.

5 de junho de 2009

Diario dunha muller sinxela

Diario de hoxe 5 de xuño:

Se miro pola xanela... vexo algúns claros no ceo, mas choveu a base de ben e mesmo tronou, como sigamos así este ano non hai problemas nin de auga nin de incendios.

Estou a pensar... en todos os proxectos que teño empezados e que quero rematar, sempre me meto a facer vinte mil cousas ó tempo.

Dentro das cousas que aprendemos, hoxe... estivemos a xogar no PC a un xogo de montar un esqueleto, sinxelo mas didáctico.

Síntome agradecida por... istos últimos 5 anos, a ver se se prolongan :)

Das cousas de comer salientar... hoxe pouca cousa a verdade, o meu ánimo seica está como o tempo :P

Teño posto... uns pantalóns vaqueiros e máis unha blusiña a riscas brancas e violetas moi mona e moi "pija" XDDDDDDD Non é do meu estilo mas gusto moito dela, pode que sexa precisamente por iso, quizais sexa como ir disfrazada e deixar voar a imaxinación ;)

Estou a ler... ler? e iso que era? :P

O que espero... que deixe de chover por deusssssssssssssss!!

Estou a crear... vou facer un outro panel, imantado e por riba con pintura de encerado. Funcionará igual a pintura imantada?

Estou a escoitar... shhhhhhhhh é a hora da sesta

Por toda a casa... o caos!! danme ganas de abrir unha xanela e tirar con todo, temos demasiadas cousas!

Unha das miñas cousas favoritas meter os dedos nas lentellas.
Agora xa hai tempo que non o fago, hai anos as lentellas botábanse na mesa e cun dedo íanse separando as boas das sospeitosas de ter becho ou estar estragadas e sempre aproveitaba para meter a man na cunca só uns segundiños antes de botarlles a auga que as ía ter en remollo durante unha hora para hidratalas.
Hoxe en día xa non fai falla, as lentellas veñen tratadas contra os bechos.
Gañamos tempo mas perdemos un pequeno pracer da vida.

Algúns plans para o resto da semana... ir pasear á montaña se non chove.

Unha foto para compartir:
O maior espectáculo do mundo!! :)
Cáeseme a baba!!



A vida no espazo

Os coitados dos astronautas non che teñen unha vida tan doada aló no espazo.

Co conto da ingravidez andan sempre a flotar, e isto pode ser moi divertido durante un anaquiño de tempo mas...



Como fan no baño?

Para lavarse métense nese cilindro, como a auga frota e ademais é un ben a aforrar no espazo, os astronautas fregan a pel con toallas húmidas, despois dánse co xabón e por último quítanse os restos con outras toallas húmidas.


Cando levan os traxes espaciais póñense uns cueiros especiais e cando están na nave, fan as súas necesidades nunhas bolsas especiais, nalgunhas naves tiran as bolsas ó espacio e noutras as traen de volta á Terra.
Nas estacións espaciais teñen bateres especiais que reciclan os ouriños botando ó espazo todo aquilo que non se pode aproveitar.

Polo que vedes o do lixo espacial non se refire só os restos tecnolóxicos, puag!

E como fan para comer e beber?
A comida non difire da que tomamos na Terra agás que algúns alimentos os levan deshidratados e teñen que engadirlles auga e tamén poden escoller menú de todas as cousas que levan

Máis información:
- What is like to eat in space
- What do astronauts eat in outer space travel?

E para durmir?
Os coitados dormen en sacos por cousa da ingravidez.

Máis información:
- What is it like to sleep in space?
- Sleeping in outer space travel


(Apuntamentos para casa, comparto para as que seguen o proxecto espacial)