21 de setembro de 2009

O "Doctor Mateo" e o homeschooling

Onte vin de casualidade un capítulo dunha serie de produción española que botan en Antena 3 e que polo visto é exitosa (non vos podo dar moitos dados porque nunca a vira) que lle chaman "Doctor Mateo" e cal sería a miña sorpresa cando na serie abordan o tema do ensino en familia :O. Está visto que xa somos unha realidade social e comezan a falar de nós en tódolos ámbitos.

A serie vai dun doutor (o tal Mateo) que era un prestixioso cirurxián en Nova Iorque e que deixa a cirurxía para converterse en médico rural en Asturias. Neste capítulo (CAPÍTULO 3 - Segunda Temporada) están preocupados porque un dos nenos abandona a escola por ir viver noutro sitio e como son tan poucos perderán a escola mas... chega unha familia nova ó pobo!

Eu agardo que vos riades (por favor!) porque temos que recoñecer que un pouco raros si que somos: porque non nos deixamos levar pola corrente e damos algunhas brazadas contra dela, porque vivimos como queremos sen preocuparnos do que se espera de nós socialmente, porque nos preocupa o que comemos a pesar da súa legalidade, porque tratamos ós fillos con respecto, etc. e na serie, que a fin de contas é unha comedia, fixeron unha caricatura, así que non quero tristuras, rídevos! é bo rirse dun mesmo :) Ademais, abordan moi respectuosamente o tema da alegalidade do ensino en familia ;)

(Incluíno tamén baixo a etiqueta de "legalidade" porque creo que facer visíbel o homeschooling é outro paso máis para conseguir que legalicen esta opción educativa).