6 de agosto de 2009

Por onde andamos

Pois remedando á Paula é que ven esta mensaxe :)
.......................................................................

Este mes temos estado varias veces na cidade de Ourense, algunhas veces sós e outras en grata compaña. Cóntovos o noso recorrido, adaptado sempre ós pequenos.

A primeira parada sempre foi no Parque de San Lázaro, onde os pequenos teñen dúas zoas de bambáns divididas segundo as súas idades e onde se pode estar fresco grazas á sombra da súa vexetación e a humidade que proporciona a fonte, e como hai terraciñas tamén podemos tomarnos "un algo".

Despois un pérdese pola súa fermosa zoa vella, luminosa, limpa, ben conservada,... e chega á Catedral, onde pode alegrar os ollos co fermosísimo Pórtico do Paraíso

A primeira vez que entrei na Catedral non sabía o que me esperaba dentro e atopeime con esta beleza, ficando namorada da súa policromía. Ese día non tiven sorte, era inverno e o día estaba escuro e como nesta catedral hai que pagar para acender as luces (as do pórtico, as da portada, as da capela do Cristo,...) e eu era estudante con pobres recursos, só a puiden admirar ás escuras. Desta vez houbo sorte e o sol brillaba dabondo para poder ve-lo ben (non así o resto das instalacións) .


Paga a pena ir a Ourense aínda que sexa só para pasar un ratiño no Paraíso.

Visita obrigada ás Burgas, despois montamos no tren que sae da Praza Maior e que fixo as delicias da pequenada e que nos levou até as termas de Outariz, onde os cativiños meteron os pés no Miño, precioso ó seu paso por Ourense.

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails