20 de dezembro de 2008

O Apalpador


Hai uns días coñecín a figura do Apalpador pola web de Alema, a quen lle debemos os tradutores de castelán e portugués que desfrutamos no blogue.

Até hai ben pouco, nalgunhas comarcas da alta montaña do leste da Galiza e nalgunhas outras do Bierzo, pola época do Nadal baixaba das montañas un vello xigante carboeiro até as aldeas. Entraba paseniño nas casas namentres durmían para lle apalpar as barrigas ós cativiños porque toda a súa preocupación era que estiveran a ser ben mantidos e non pasaran fame. Tras desexarlles un ano novo libre de fames, marchaba deixándolles unha boa presa de castañas quentiñas.

En "Polo Natal... chega o Apalpador" podedes ler o primeiro artigo (con comentarios de xente que recorda o Apalpador ou algún outro carboeiro semellante) e en "Vai chegando o Apalpador a toda Galiza deixa-te aconselhar por ele", tamén hai comentarios e ademais vai acompañada a mensaxe con cantigas e anainas sobre o Apalpador.

As imaxes do Apalpador que se están a empregar na campaña para a súa recuperación son de Leandro Lamas.


++Se queredes baixarvos de balde un calendario para o vindeiro ano (2009) coa figura do Apalpador, podedes obtelo no blogue de ovnis e isoglosas.