24 de julho de 2008

A lenda da serpe chuchona

De seguro que a vos tamén vos contaban este conto de pequenos.

Hai moitos, moitos anos, na aldeia do lado vivía unha mociña que acababa de ter un fermoso fillo. O cativiño era aleitado amorosamente pola súa nai e ía engordando que daba gosto velo.

Cando a mociña se tivo que incorporar ás tarefas do campo, decidiu deixar ó neno coa súa nai mentras ela andaba a traballar, cando o meniño reclamaba o peito a avoa asomábase á xanela e berraba pola nai, que baixaba correndo a alimentar ao seu filliño.

A nai aproveitaba pra botar unha sonequiña ó tempo que o meniño mamaba e cando remataba voltaba ó traballo. Despois dunhas semanas o cativo que até ese momento era un reboliño, empezou a enfraquecer. Na casa a preocupación era grande, temían que o meniño tivera o mal do aire.

Un día a nai chegou do campo e xa a avoa esperábaa co rapaciño no colo, puxéronse a falar e pasoúselles o tempo, así que a nai ás presas, sentou na corte a darlle de mamar ó neno. Coa axuda da oxitocina ficou adormiñada namentras o neno chuchaba pero ó pouco ladrou o can, acordou e comprobou horrorizada cal era a causa do enfraquecimento do neno. Unha serpe viña canda ela cada vez que estaba a aleitar ó neno, apartábao e chuchaba do peito da nai.

En Galicia encantada de seguro podedes ler outra versión desta lenda e doutras.

Ah! esquecíame comentar que as serpes non poden mamar porque o seu ceo da boca é plano (por si alguén dubidaba).

(A imaxe é unha serpe de crochet que fixo Yaizibai)